Talleres de memoria e de uso do móbil, e un novo servizo de “madrugadores” para familias, amplían a oferta social da Pobra do Brollón

Familias con fillos escolarizados no concello e maiores que queiran mellorar a súa calidade de vida serán os beneficiados con estas propostas municipais

Imaxe dunha sesión do taller de memoria que organiza o Concello da Pobra do Brollón. GPPB

As familias que teñan escolarizado algún fillo no CEIP da Pobra do Brollón xa poden solicitar un novo servizo de conciliación.

SERVIZO DE ATENCIÓN AOS ESCOLARES DE 8:00 A 9:30 HORAS
O Goberno local estrea o ano poñendo en marcha un servizo de “madrugadores”, polo que os pais e nais que o precisen poden deixar aos seus fillos atendidos dende as oito da mañá e ata que abra o colexio ás nove e media.
Segundo explicaron dende o Concello da Pobra do Brollón, serán profesionais especializados de servizos sociais os que acompañarán en todo momento aos cativos, con actividades lúdicas e educativas segundo as súas idades.

SERVIZO FLEXIBLE
Cada familia pode solicitar este servizo, que é totalmente gratuíto, de luns a venres ou por días soltos.
Máis información nas oficinas de Servizos Sociais, no 982 43 04 47, ou no correo educacionfamiliar@concellodapobradobrollon.gal. •

TALLERES GRATUÍTOS DE MEMORIA E DE USO DO MÓBIL NA POBRA DO BROLLÓN

Aínda está aberto o prazo para anotarse no taller de memoria e no de uso do móbil que organiza o Concello da Pobra. As dúas actividades son de balde, e celébranse na Casa da Cultura Olga Novo.
O taller de memoria, destinado aos maiores e a persoas con algunha limitación cognitiva, desenvólvese os mércores pola mañá, de 11 a 12 horas. Segundo explicaron dende o Concello, o obxectivo do taller é mellorar a calidade de vida dos participantes, e fomentar as relacións sociais, mantendo e mellorando a concentración, a atención e as capacidades cognitivas. No taller, os usuarios traballan con pasatempos, fichas e actividades lúdicas en grupo.
Pola súa banda, o taller de uso do móbil, pensado para o público adulto en xeral, pretende formar aos usuarios no funcionamento básico dos teléfonos e de aplicacións sinxelas, ou para facer xestións útiles dende o seu móbil. Dende o Concello precisaron que os contidos vanse adaptar ás necesidades dos participantes. O taller de uso do móbil ten lugar tamén os mércores pola mañá, en horario de 12 a 13 horas.
As persoas interesadas en participar nalgún destes talleres poden obter máis información e inscribirse nas oficinas dos Servizos Sociais do Concello, situadas na propia Casa da Cultura. Tamén poden facelo a través do enderezo electrónico educacionfamiliar@concellodapobradobrollon.gal, ou chamando ao teléfono 982 43 04 47. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Abren unha residencia para mascotas na Pobra do Brollón

Seguinte Nova

Xunta e Concello acordan novas melloras de espazos públicos en Quiroga

Últimas noticias sobre EDUCACIÓN

A %d blogueros les gusta esto: