Xunta e Concello acordan novas melloras de espazos públicos en Quiroga

• Investiranse preto de 76.000 euros no arranxo de prazas e zonas verdes
• Medio Ambiente aporta o 70% da partida económica, e o Concello de Quiroga achega o 30% restante

A sinatura do convenio entre a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, formalizouse en Santiago o 23 de decembro. GPXG

O Plan Hurbe permitirá novas actuacións de mellora en espazos públicos de Quiroga. A finais do mes pasado, o alcalde, Julio Álvarez, asinou un convenio coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para financiar obras por valor de 76.000 euros. Segundo o convenio, a Consellería asumirá o 70% deste orzamento, ata 53.170 euros, e o resto vaino asumir o Concello de Quiroga, cunha aportación de 22.787 euros.
Dende a Consellería sinalaron a importancia deste tipo de colaboracións, xa que os equipamentos urbanos desempeñan «un papel fundamental como elemento dinamizador para o desenvolvemento social e cultural», ademais de ser «elementos estruturais da contorna urbana».

MÁIS ZONAS DE LECER E ESPAZOS VERDES
Logo da sinatura do convenio, déronse a coñecer as actuacións financiadas. O acordo permitirá crear un espazo público nas prazas de San Martiño e na da rúa Lago. Asimesmo, no parque da Igrexa mellorarase a seguridade e salubridade da zona de xogos infantís. Tamén se vai actuar na zona verde situada entre os edificios da Casa da Cultura e do Centro Social, coa transformación do vello estanque. A actuación permitirá reconverter unha instalación agora sen uso e obsoleta nun espazo verde para o lecer da cidadanía.

DOBRE RETO: URBANISMO RESPONSABLE E COLABORACIÓN COS CONCELLOS
Vázquez trasladoulle ao rexedor de Quiroga o «reto» que quere cumprir a Xunta con este tipo de iniciativas. Por unha banda, o apoio a estas obras de mellora contribúen a un urbanismo responsable, que afonda na recuperación das vilas e cidades galegas, «como parte da identidade de Galicia».
Por outra banda, o Executivo galego pon en valor o establecemento de «lazos de colaboración» cos concellos en proxectos que axuden a frear o despoboamento do rural.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Talleres de memoria e de uso do móbil, e un novo servizo de “madrugadores” para familias, amplían a oferta social da Pobra do Brollón

Seguinte Nova

Poesía, crimes ilustres e segredos da historia recente encheron a axenda do Círculo Saviñao

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: