A Xunta presentou aos autónomos lucenses as novas axudas para a segunda oportunidade e o traslado xeracional

•Na provincia de Lugo, un de cada tres traballadores é autónomo, mentres que en Galicia traballa por conta propia un de cada cinco •Galicia é a comunidade con máis estabilidade para os autónomos, e a que ten maior porcentaxe de mulleres emprendedoras

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, anunciou as iniciativas de apoio aos emprendedores nuna nova edición dos «Venres Autónomos», que impulsa o Executivo galego, o 17 de xaneiro. GPXG

Axudas para volver a empezar nun negocio, ou para facer o traspaso dunha empresa, son dúas das novas liñas de apoio que a Xunta desenvolverá este ano para impulsar o emprendemento. Así o explicou a mediados deste mes o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, durante os Venres Autónomos, unha xornada que impulsa o Executivo Galego para favorecer unha comunicación directa con este colectivo, e «acompañalos na súa actividade».

24,5 MILLÓNS EN AXUDAS ESTE ANO
Na xornada, Conde adiantou que a Xunta vai reforzar a Estratexia do Autónomo 2020, con iniciativas que non só axudan aos emprendedores no momento de poñer a andar o seu proxecto, senón que tamén atenden á fase de consolidación e crecemento.
En total, a Xunta reserva 24,5 millóns de euros para apoiar a 7.000 persoas e 545 empresas a través de diversas liñas de axudas, que se publicarán no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 3 de febreiro.

AXUDAS PARA ARRANCAR E CONTRATAR
Nesta liña, Conde salientou os incentivos de ata 2.000 euros por beneficiario para apoiar o inicio de actividade, axuda que será de ata 4.000 euros para os emprendedores menores de 30 anos, os parados de longa duración, as persoas con discapacidade, ou as persoas en risco de exclusión social. Tanto para autónomos que se dan de alta, como para os que realicen contratacións, estas achegas aumentarán nun 25% se a persoa incorporada é muller, un emigrante retornado, un maior de 45 anos, ou se o centro de traballo localízase nun concello rural.
Co fin de incentivar a vocación emprendedora nos universitarios, os proxectos de base tecnolóxica terán ata 64.500 euros de subvención.

PARA PROXECTOS CONSOLIDADOS
Pola súa banda, o Bono Autónomo favorece con axudas de ata 3.000 euros a competitividade daqueles proxectos que teñen superado os 42 meses de vida.
ATA 12.000 EUROS PARA VOLVER A EMPRENDER
Entre as novidades, o titular autonómico precisou que a Xunta vai poñer en marcha este ano o Bono Nova Oportunidade. Esta liña, dotada cun millón de euros, adícase aos autónomos que cesaron na súa actividade e queren volver a emprender un negocio.
Este Bono concederá ata 12.000 euros a persoas que estiveron á fronte de proxectos que non saíron adiante, para que poidan iniciar un novo negocio.

AXUDAS DE ATA 29.000 EUROS PARA TRASPASOS
Pola súa banda, o Bono Renova destina 1 millón de euros para favorecer o traspaso de negocios e garantir a remuda xeracional. Por beneficiario, as subvencións irán dende os 5.000 ata os 29.000 euros. Ademais, a través da Fundación Ronsel, desenvolverase un proxecto piloto de mentoring para autónomos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Presentan dúas aplicacións móbiles con información de 2.500 puntos de interese e visitas en realidade aumentada por 25 lugares da provincia

Seguinte Nova

O Xeolodía lucense celebrarase en maio nas Montañas do Courel

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: