O 28 de xaneiro, quedou inaugurada no Museo do Ferrocarril de Galicia (Muferga) en Monforte a nova exposición do artista plástico Joaquín Balsa.
EXPOSICIÓN SIMULTÁNEA EN MONFORTE E ESPINHO
Baixo o título «Paz + Paciencia = Conciencia», o artista ofrece un conxunto multidisciplinar de 12 pezas de pintura e escultura, nunha exposición simultánea coa do Museo Municipal de Espinho en Portugal, a primeira que Balsa realiza con estas características entre Galicia e o país veciño. O artista plástico vén de probar este formato simultáneo de mostra entre Busán e Seúl, en Corea.
Para as pezas que se poden ver en Monforte e Espinho, Balsa botou man da chapa galvanizada e o papel, sempre tratando de estar cómodo cos materiais cos que traballa. Unha das súas prioridades é provocar no espectador «sensacións como o equilibrio, a paz e a emoción». «Crear é unha gran pasión que transforma en beleza o que outros perciben como utilidade», afirma Balsa.•