•O Xeolodía, que se celebrará o domingo 10 de maio de xeito simultáneo en todas as provincias, é a maior actividade científica ao aire libre de España •En 2019, a cita divulgativa reuniu no conxunto do Estado a máis de 8.500 persoas, guiadas por 600 xeólogos •A excursión lucense ofrece 90 prazas de balde, previa inscrición

O Xeoparque Montañas do Courel será o escenario ao aire libre da vindeira cita do Xeolodía, unha excursión lúdico-científica que se celebrará de xeito simultáneo en todas as provincias de España o domingo 10 de maio. O itinerario percorrerá a xeoloxía do contorno de A Seara e Vieros.
15 ANOS DIVULGANDO A XEOLOXÍA
A iniciativa, que ten como obxectivo dar a coñecer a xeoloxía e o seu campo de estudo, foi impulsada hai 15 anos pola Sociedad Geológica de España e a Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra. O ano pasado, participaron a nivel nacional máis de 8.500 persoas, guiadas por 600 xeólogos, na que constitúe a maior actividade científica ao aire libre de España.
SAÍDA E REGRESO EN AUTOBÚS DENDE QUIROGA
O Xeolodía da provincia de Lugo está deseñado como unha excursión de 8 horas de duración por diversos enclaves do Xeoparque Montañas do Courel. Segundo informaron dende a organización, o punto de encontro será diante do Museo Etnográfico de Quiroga, entre as 8:30 e as 9:00 horas, momento no que está prevista a saída dos autobuses cara á aldea da Seara. O regreso tamén se fará en autobús, que devolverá aos participantes ao mesmo punto de Quiroga, entre as 17 e as 18 horas.
EQUIPAMENTO
A organización recomenda levar botas de montaña, chubasqueiro, roupa de abrigo e gorra para o sol. É obrigatorio que cada viaxeiro leve a súa comida e botella de auga.
A excursión inclúe unha camiñata a pé de 3,6 quilómetros de lonxitude e 80 metros de desnivel. Os participantes repartiranse en grupos de 15 a 20 persoas, con cadanseu guía especializado.
ITINERARIO
A primeira parada será no Xeomirador de A Golada, coas vistas ao valle glaciar de A Seara. Na segunda parada, farase unha aproximación explicada do depósito glacial deste contorno, e na terceira, os visitantes poderán afondar nas características das rocas tradicionais, algunha delas locais e outras aportadas polos glaciares.
Na seguinte parada, visitarase a cascada de Vieiros, formada no encaixamento do río Selmo e o levantamento das Montañas do Courel. Para rematar, a derradeira etapa centrarase no muíño de auga de Vieiros, que aproveita o potencial hidráulico xerado polo encaixamento dos ríos.
A excursión é gratuíta, previa inscrición, antes das 13 horas do 8 de maio, no enderezo info@ribeirasacracourel.es, indicando nome, DNI, lugar de procedencia e número de teléfono. Concederanse as 90 prazas por orde de inscrición.•