•Esta aldea do Incio estrea na provincia o modelo de xestión rural da Xunta, baseado na prevención de incendios e a mobilización de terras

A finais do mes pasado, a Xunta iniciou os primeiros traballos de acondicionamento na aldea-modelo de Trascastro, no municipio do Incio. O sistema de aldea-modelo que promove a Consellería do Medio Rural baséase na prevención de incendios e na mobilización de terras, para sacar o máximo partido dos recursos do rural, a través do seu coidado e mantemento. Xunto a Trascastro, este modelo estase a aplicar noutras catro localizacións de Galicia, que se corresponden coas aldeas ourensás de Infesta, en Monterrei; Trabazón, no Irixo; Muimenta, en Carballeda de Avia; e Penedo, en Boborás.
ESPAZO PARA UNHA EXPLOTARACIÓN DE VACAS CACHENAS EN ECOLÓXICO
Segundo explicou o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa visita ao Incio o 4 de febreiro, as primeiras actuacións en Trascastro contemplan a limpeza de preto de 14 hectáreas, distribuídas en 178 parcelas de case un cento de propietarios. Deste xeito, a superficie quedará dispoñible para a posta en marcha unha explotación de gandeiría en extensivo, adicada á raza autóctona de vaca cachena, coa particularidade de que se vai traballar baixo os criterios da gandeiría ecolóxica.
EN VEZ DE PAGAR POR ROZAR, OS PROPIETARIOS DE TRASCASTRO COBRARÁN POR ARRENDAR AS FINCAS
González detallou que estes traballos de roza, que asume a Xunta, serven para «limpar e protexer marcos e valados, que non se tocaron, ademais de recuperar camiños antigos e que a terra estea traballada e con rendemento, en vez de abandonada». O conselleiro destacou as vantaxes desta iniciativa, grazas á que «os propietarios pasarán de ter que pagar por rozar as fincas a cobrar por arrendalas».
O titular de Medio Rural salientou que a estrutura da aldea-modelo actúa na prevención dos incendios forestais, pero tamén contribúe á mobilización de terras. Na actualidade, a Consellería xa rexistrou máis de 50 solicitudes para aplicar este sistema, das que xa comezou a tramitar unha vintena. •