•O novo vehículo aposta polas novas tecnoloxías e a saúde: wifi de balde, puntos de recarga USB e desfibrilador
O Concello de Monforte vén de renovar o servizo de transporte público coa introdución dun novo vehículo, con máis prestacións adaptadas ás necesidades dos cidadáns, e de xeito gratuíto.
UN BUS “MODERNO” E “CUN FIN SOCIAL”
O bus urbán presentouse en sociedade o 1 de febreiro, nun acto no que o alcalde, José Tomé, explicou as características deste vehículo, co que se cumprirá “un fin social, ao tempo que fomentará a concienciación sobre o uso do transporte público”. Tomé destacou que o vehículo que xa presta servizo por Monforte dende este mes é “moderno, accesible, gratuíto e adaptado”, xa que “dá resposta ás necesidades de todas as persoas, incluídas as que teñen mobilidade reducida ou algunha discapacidade”.
VERMELLO, COMO O PRIMEIRO BUS QUE TIVO MONFORTE
Aínda que o servizo de tranporte público leva xa anos funcionando en Monforte, o rexedor salientou o feito de que sexa gratuíto e moderno.
Por fóra, o bus urbán, de cor vermella, vai rotulado co escudo e o logotipo do Concello de Monforte de Lemos. Por dentro, o vehículo conta con 36 prazas,15 delas para ir de pé e 21 asentos con cinturón de seguridade, máis dúas prazas para usuarios con mobilidade reducida. Estes viaxeiros poden beneficiarse da rampla de acceso, a través da porta de servizo de dobre folla.
AVISO DE PARADA, INFORMACIÓN DE HORARIOS E SITUACIÓN EN TEMPO REAL
Para non despistarse de parada, o bus informa por altavoz do avance da ruta, ademais de ir amosando o itinerario nunha pantalla de televisión. Os usuarios tamén poden saber en todo momento onde se atopa o bus urbán, grazas ao xeolocalizador GPS a través dunha aplicación para dispositivos móbiles.
DETECTOR DE FATIGA E ALCOHOL NO CONDUTOR
En canto á seguridade, ademais dos dispositivos técnicos como limitador de velocidade, detector de cambio de carril, ou asistente de freado activo con servofreno de emerxencia, o vehículo incorpora un detector de fatiga do condutor e o sistema Alcolock, que só permite arrancar o bus tras confirmar o nivel cero de alcohol no chofer.
O bus dispón tamén dun desfibrilador externo semiautomático, preparado para asistir a nenos e adultos.
CONTRATO
O servizo de transporte público adxudicouse a Palacios Bus por 10 anos, a un prezo anual de 76.972,50 euros. Ao remate do contrato, o vehículo pasará a ser propiedade do Concello, o que abaratará de xeito importante, segundo explicaron no Consistorio, o prezo das sucesivas concesións. En caso de avaría ou mantemento, a empresa adxudicataria, Palacios Bus, dispón dun vehículo de substitución para seguir dando o servizo.•
•O NOVO BUS URBÁN, EN DATOS
•A app Locatel permite saber a localización do bus urbán en tempo real.
Usuario: bus2020
Contrasinal: urbano
•O bus urbán ten conexión wifi con acceso de balde a internet
Usuario: RUT950_F9a2
Contrasinal: z8V9Usc4
•Mantense a mesma ruta, con saída de Ribasaltas e final no Cemiterio, con paradas no Ambulatorio e Hospital, entre outros
Horario completo en: http://www.monfortedelemos.es/gl/servizosmunicipais/busurbano, e na pantalla instalada no propio bus