Os concellos de A Pobra do Brollón, Bóveda e O Incio reclaman á Xunta un obradoiro de emprego

•Os tres rexedores plantearon á Xunta a fórmula de obradoiro conxunto, que permitiría dar formación e emprego a parados dos tres municipios

Os alcaldes de Bóveda, José Manuel Arias; da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda; e do Incio, Héctor Corujo, na reunión mantida co delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o 19 de febreiro. GPCI

Máis concellos do sur lucense están a reclamar a súa participación nos programas de formación remunerada para desempregados que oferta a Xunta de Galicia. Desta volta, a iniciativa partiu dos municipios de O Incio, A Pobra do Brollón e Bóveda, cuxos alcaldes reuníronse este mes co delegado territorial da Xunta en Lugo para tratar este tema.

REUNIÓN DE TRABALLO
Na xuntanza, que tivo lugar na capital provincial o pasado 19 de febreiro, estiveron presentes o alcalde da Pobra do Brollón, o nacionalista Xosé Lois Maceda, e os rexedores do Incio, Héctor Corujo, e de Bóveda, José Manuel Arias, ambos do Partido Popular. Na xuntanza de traballo mantida co delegado autonómico en Lugo, José Manuel Balseiro, interesáronse por coñecer as características destes obradoiros e do procedemento de tramitación para solicitalos. A fórmula máis conveniente para este caso sería o obradoiro conxunto, que solicitan varios concellos e permite que se beneficien desta formación remunerada os parados dos tres municipios. Neste caso, o obradoiro estaría centrado na silvicultura.
A iniciativa destes municipios resulta oportuna, xa que nesta convocatoria valoraranse positivamente os proxectos presentados de xeito conxunto por dous ou máis concellos.

4,4 MILLÓNS DE EUROS PARA 14 OBRADOIROS DE EMPREGO NA PROVINCIA EN 2020
Para o ano en curso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 4,4 millóns de euros ao financiamento de 14 obradoiros de emprego na provincia de Lugo, nos que participarían un total de 32 municipios lucenses.

CERTIFICADO DE PROFESIONALIDADE E CONTRATO DE TRABALLO
Os obradoiros de emprego da Xunta ofrecen aos desempregados formación gratuíta en diversos oficios, e ao remate deste periodo a Consellería expide o correspondente certificado de profesionalidade. Ademais, durante os meses que dura o obradoiro, os participantes conta cun contrato de traballo remunerado. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta declara a Ribeira Sacra como nova área de rehabilitación integral supramunicipal

Seguinte Nova

Completado o arranxo da estrada que vai á presa de Vilasouto

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: