A Pobra do Brollón priorizará a atención aos máis vulnerables cun servizo de entrega a domicilio de alimentos e medicinas

Reunión do Goberno local da Pobra do Brollón cos traballadores dos Servizos Sociais, empregados municipais e representante sindical, para tratar a situación xerada polo coronavirus, o pasado 13 de marzo. GPPB

O Concello da Pobra do Brollón concentrará os servizos sociais nos colectivos máis vulnerables, aos que reforzará tamén cun servizo de entrega a domicilio de productos de primeira necesidade. Esta foi a decisión tomada o venres 13 de marzo na reunión convocada polo Goberno local cos traballadores dos Servizos Sociais, da administración municipal e un responsable sindical, para tratar a nova situación xerada pola pandemia do coronavirus.

Segundo esta decisión, suspéndese a maioría da actividade do Concello, e se concentrarán esforzos nos Servizos Sociais. «A nosa prioridade absoluta é a saúde pública», afirmou o alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda, quen apuntou á necesidade de que «todos e todas actuemos como unha grande comunidade». Maceda salientou que estas decisións do Consistorio tratan de «poñer todos os esforzos en frear a curva de contaxio do coronavirus».

SERVIZOS SOCIAIS PARA OS MÁIS NECESITADOS

O Concello manterá a atención a domicilio completo un 42% dos usuarios, aqueles casos máis graves de persoas moi dependentes ou sen apoio familiar. Un 24% seguirá tendo asistencia, pero de menor intensidade, e o 34% restante deixará de recibir este servizo ata que remita a crise sanitaria.

A atención presencial nos Servizos Sociais será só para os casos máis graves, recomendándose a consulta telefónica ou por e-mail para o resto das consultas.

ENTREGA A DOMICILIO DE ALIMENTOS E MEDICINAS

Para que as persoas incluídas en grupos de risco poidan quedar na casa sen expoñerse ao contaxio, o Concello da Pobra do Brollón activou un servizo de entrega a domicilio de produtos de primeira necesidade, como alimentos e medicinas, en colaboración con negocios locais. As persoas interesadas deberán contactar diariamente coas farmacias (Cristina Touza e Mercedes Pardo), e coas tendas de alimentación (Supermercado Ana, Supermercado Roelma, e Supermercado Pepita da Estación), e elas encargaranse de contactar co Concello para xestionar a entrega.

En canto ás oficinas municipais, están suspendidos os servizos de xestión catastral e atención ao público do arquitecto municipal. No resto de servizos, foméntase o teletraballo, aínda que as oficinas abren no horario habitual. Os usuarios deberán reducir o contacto cos traballadores, mantendo a distancia de seguridade. Recomendase realizar as consultas e tramitacións por vía telefónica ou telemática.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Tendas de alimentación animal e servizos veterinarios poderán abrir durante o estado de alarma

Seguinte Nova

Sober estrea o servizo de entrega a domicilio para evitar saídas e frear os contaxios

Últimas noticias sobre CORONAVIRUS

A %d blogueros les gusta esto: