O twitter da Vicepresidencia da Xunta publica un fío coas preguntas máis repetidas no 012, o servizo de atención e información á cidadanía da Xunta relacionadas coas restricións polo coronavirus.
Poden abrir as perruquerías? As perruquerías en Galicia NON poden abrir, agás para a atención en domicilio e por causas xustificadas
Poden despachar comida os restaurantes? Os locais de comida poderán entregar comida para levar, seguindo as recomendacións sanitarias (distancia de seguridade, tempo indispensable…). Segue permitida a entrega a domicilio
Permítese o funcionamento dos talleres de reparación? Si poden abrir en Galicia, sempre que se dediquen exclusivamente á reparación. Isto é, se combinan venda e reparación, só poderán dedicarse á reparación
Teño que ir renovar a miña demanda de emprego? Non, os demandantes de emprego non terán que renovar a súa demanda ata o próximo 30 de abril. Ademais, quedan suspendidas todas as citas presenciais de orientación laboral
Preciso algún tipo de documento para xustificar que vou ao traballo? Non, non se precisa de ningunha documentación adicional ao circular. Ir ao traballo é unha das actividades permitidas, pero os axentes da autoridade poderán realizar as comprobacións que consideren necesarias
Poden ir os agricultores ou gandeiros ao traballo? Si, o Real Decreto non establece limitacións á actividade primaria e permite o acceso ao posto de traballo. Recordamos que os axentes da autoridade poderán realizar as comprobacións que estimen oportunas
Podo saír a facer deporte ou camiñar por prescrición médica? Non, non se pode saír salvo os casos expresamente permitidos. Recoméndase tentar manter certa actividade física no domicilio
Seguen recolléndose avisos e retirando niños de vespa velutina? Si, continúase realizando o servizo de retirada e continúanse recollendo avisos. É un servizo de importancia, especialmente nesta época do ano e os traballadores contan con equipos individuais de protección
Hai un procedemento administrativo co prazo aberto, teño que presentalo igual? Non, os prazos administrativos están interrompidos agora mesmo. O cómputo reiniciarase no momento en que se levanten as suspensións. En calquera caso, a sede electrónica segue operativa
E se xa presentei a miña documentación? Se xa presentaches a túa documentación a un procedemento administrativo, este continuará a súa tramitación normalmente
Que pasa coa resolución das axudas? As axudas cuxo procedemento xa está pechado seguirán a súa tramitación e notificaranse segundo o previsto
Podo consultar o estado do meu expediente xa presentado? Si, os interesados poden seguir consultando o estado de tramitación dos seus expedientes na súa carpeta cidadá a través da sede electrónica
Afecta a suspensión dos prazos ás emendas e ás notificacións? Si, tamén se interrompen os prazos de emendas e reanudaranse cando se levanten as suspensións. As notificacións reanudarán os seus prazos nese momento
Podo seguir presentando queixas e suxestións á Administración autonómica? Si, continúa operativo o teléfono 012 e a sede electrónica
As altas e baixas de reses dentro da Oficina agraria virtual teñen que ser tamén dentro de prazo? Poderán realizarse a través da Oficina Agraria Virtual ou a través do 012. Só no suposto de que non sexa posible empregar algunha destas dúas vías, poderase presentar posteriormente
Que pasa cos chamamentos da Administración autonómica? Os chamamentos quedan tamén suspendidos, salvo que teñan un carácter urxente. Na web de función pública hai un aviso sobre este punto.
(Fonte: Delegación Territorial da Xunta en Lugo).