Sanidade recomenda a consulta telefónica ante calquer problema de saúde, pero garante que sempre se manterán nos centros máis pequenos servizos como o control do Sintrom

O luns 23 de marzo, o Sergas informou de que “non hai ningunha decisión tomada” sobre o peche de centros de saúde na provincia de Lugo, para centralizar a Atención Primaria en determinados puntos. Con todo, dende a Consellería de Sanidade non descartaron esta posibilidade, dependendo da evolución da pandemia do coronavirus. De ser necesaria esta medida dende o punto de vista das autoridades sanitarias, esta centralización do servizo sería “extraordinario, de carácter temporal e reversible”, e estaría en vigor “exclusivamente durante o periodo de emerxencia”, previa comunicación á cidadanía a través de fontes oficiais.
Na mesma nota de prensa, o Sergas anunciou que está a traballar nun “plan de continxencia”, que tería como obxectivo “blindar a asistencia sanitaria e garantir a mellor operatividade”, ademais de “preservar o persoal sanitario dispoñible para atender ás necesidades prioritarias”.
Este plan de continxencia, que está, segundo precisaron dende o Sergas, aínda en fase de estudo, podería suponer diversas novidades. Por unha banda, estableceríase a centralización do servizo asistencial nos centros de saúde de maior poboación. Por outra, poderían crearse equipos de profesionais adicados exclusivamente a patoloxías respiratorias. Así mesmo, as medidas non descartarían a activación de circuítos diferenciados, dentro dos propios centros de saúde, para atender a pacientes de diversas patoloxías. A estas medidas engadiríase o fomento da atención telefónica, que xa se recomenda dende que comezou a pandemia. Se fose necesario poñer en marcha este plan de continxencia, faríase de xeito gradual.