Poderase seguir en directo na páxina de Facebook do Concello
O Concello da Pobra do Brollón acollerá nas próximas semanas un ciclo de concertos ‘online’ para seguir programando cultura na corentena.
Debido á emerxencia sanitaria causada polo coronavirus, non é posible realizar eventos presenciais, polo que o Concello da Pobra do Brollón traslada parte da súa programación ás redes sociais.
Baixo o nome de ‘Cos Pés na Casa’ – que fai referencia ao ciclo de concertos ‘Cos Pés na Terraza’ organizado polo Concello o verán pasado – retransmitirase unha serie de concertos en directo na páxina
de Facebook do Concello.
O primeiro concerto é este sábado 28 ás 21:00 co músico de Salcedo Alexandre González, quen tocará un repertorio en directo con voz e piano dende o seu confinamento na Coruña.
‘Somos un Concello cunha clara aposta pola cultura e queremos seguir sendo así a pesar das restricións actuais,’ declara o alcalde Xosé Lois Maceda. ‘Dentro das nosas posibilidades, eliximos apoiar aos
artistas e ofrecer entretemento de calidade para os nosos veciños e veciñas, e quen queira unirse a esta iniciativa dende as súas casas.’
O Concello da Pobra do Brollón respondeu rapidamente á nova realidade causada pola emerxencia sanitaria lanzando a semana pasada Guimaralia Te Ve, cunha emisión dun vídeo diario nas redes sociais en colaboración con veciños e achegados.
Agora, a través de ‘Con Pés na Casa’, volven innovar. ‘Gustaríanos que esta iniciativa animase a otros programadores a seguir apoiando aos artistas, que viron cancelados todos os seus eventos para varios meses,’ comenta o técnico de cultura do Concello, Xosé Gago. ‘Inauguramos ciclo cun artista moi querido na Pobra do Brollón e tamén cun gran seguimento fóra da Guimaralia. Animamos a todo o mundo a conectarse este sábado para gozar da súa música.
BREVE BIOGRAFÍA DO ARTISTA
Alexandro González comezou a súa carreira musical a moi curta idade estudando solfexo e piano clásico; estudos que con máis idade orientaría ao jazz e á composición. A súa actividade profesional dirixiuse tanto á docencia como á composición e produción de discos, bandas sonoras, música para anuncios ou teatro. En canto á docencia, Alexandro impartiu clase de piano e música e movemento na Escola Municipal da Pobra do Brollón entre 2014 e 2018. Como
compositor conta cun importante número de traballos, entre os que destacan a composición de bandas sonoras de documentais como Regreso á Orixe ou Auga. O Sangue da Terra; música para as campañas
publicitarias de Deleite, Down España ou Zara; a composición do espazo sonoro da obra de teatro Mundo Lois dirixida por Antón Reixa; ou a participación como compositor, produtor, arranxista ou intérprete en discos de Los Árboles, Pardo, Espiño, Los Chavales, Sensacional, Capitán Sonoro, Batusi ou Meu.