A medida dará liquidez aos 63 concellos lucenses que teñen delegada na Deputación a xestión e cobro de tributos

O Goberno provincial adiantará aos Concellos un total de 11 millóns de euros en concepto dos pagos mensuais previstos ata xuño, e procedentes da recadación delegada de impostos. Segundo explicou o presidente da Deputación, José Tomé, esta decisión permitirá que os 63 municipios lucenses acollidos á recadación delegada dispoñan de máis liquidez para afrontar “o novo escenario de prioridades e necesidades provocado pola crise do coronavirus”. Deste xeito, o 93% dos concellos lucenses disporán de máis cartos para atender “gastos imprevistos de material sanitario ou medidas sociais”, ademais de garantir os pagos a empresas e provedores”, salientou Tomé.
Os 11 millóns estimados polo organismo provincial corresponden ás mensualidades de abril, maio e xuño do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, o IBI e o imposto de actividades económicas, cuxa recadación xestiona a Deputación para un total de 63 concellos lucenses.
MÁIS COOPERACIÓN COS CONCELLOS
No anuncio desta nova inxección de liquidez ao 94% dos municipios lucenses, o presidente da Deputación lembrou outras medidas que o Goberno provincial puxo en marcha dende o inicio do estado de alarma. Entre elas, Tomé destacou a aprobación, a comezos deste mes, do Plan Único 2020, cun total de 21,3 millóns de euros, e que se modificou para permitir aos concellos dispoñer de máis fondos, ata 10,6 millóns, para cubrir medidas sociais derivadas desta emerxencia sanitaria.