Monforte apraza o pago de impostos municipais

A taxa do lixo e o imposto de vehículos de tracción mecánica poderán pagarse entre o 1 de xuño e o 31 de xullo

Imaxe de arquivo do alcalde de Monforte, José Tomé. GPCM

A situación creada polo estado de alarma coa paralización da actividade económica levou ao Goberno local de Monforte a aprazar o pago da taxa de lixo e do imposto de vehículos de tracción mecánica. A asunción de competencias extraordinarias por parte da Alcaldía fixo posible que o rexedor local asinase, o 7 de abril, o decreto polo que se traslada o periodo de pago voluntario destes conceptos ata case dous meses despois. Deste xeito, o decreto establece como novo prazo voluntario o comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de xullo de 2020. No caso de que calquera destas dúas datas coincidan en día festivo, trasladaranse ao día hábil posterior.

MEDIDA “PARA FAVORECER Á VECIÑANZA”

Tomé explicou que “esta nova medida ante o COVID-19 pretende favorecer ós nosos veciños e veciñas”. No anuncio desta decisión, o alcalde expresou a súa confianza en que “cando comece a andar este novo período de pago, vivamos nunha situación de máis normalidade”, un contexto no que, segundo Tomé, “a economía volva a estar en marcha, a xente estea de novo traballando, e poida afrontar así en mellores condicións o pago destes impostos”.

AS DATAS INICIAIS PERMITIRON A MONFORTE ACOLLERSE AOS APRAZAMENTOS PERMITIDOS POLO GOBERNO CENTRAL

A cobertura normativa que permite esta modificación atópase, segundo explicaron dende o Concello de Monforte, no propio decreto do estado de alarma, con data de 14 de marzo. Na súa disposición adicional terceira, o decreto estableceu a suspensión de 15 días dos prazos administrativos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público durante o prazo de vixencia do estado de alarma e, no seu caso, das prórrogas que se adoptaren.

Posteriormente, o Real Decreto 465/2020 do 18 de marzo modificou o decreto anterior, deixando constancia da explícita exclusión dos procedementos tributarios, por tratarse de normativa especial. Pero este mesmo texto deu luz verde a unha ampliación de prazos para procedementos xa iniciados na data do primeiro decreto, ata o 30 de abril. Segundo esta disposición, Monforte tiña marxe para aplicar un aprazamento do periodo voluntario, xa que o 13 de abril era o día en que estaba previsto que se iniciase o período voluntario de pago do Imposto sobre vehículos de tracción mecánica, prazo que estaría aberto ata o 14 de xuño. No caso do pago da taxa pola recollida de lixo do primeiro bimestre de 2020, o inicio do pago voluntario estaba previsto o día 27 de abril, con prazo ata o 29 de xuño.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O persoal de Urxencias do Hospital de Monforte fixo público un escrito de agradecemento

Seguinte Nova

Persoal da Xunta completaron novas desinfeccións en cinco concellos do sur lucense

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: