2.000 unidades proceden dunha doazón do Tecor de Sober, da Asociación de Viticultores e das adegas

Os veciños de Sober poderán acceder de balde a mascarillas protectoras para frear o contaxio do coronavirus. O Concello pon á disposición de toda a veciñanza un lote de mascarillas FFP2 e cirúrxicas, que son as recomendadas polas autoridades sanitarias.
O GOBERNO LOCAL PIDE “RESPONSABILIDADE” NA RETIRADA DE MASCARILLAS PARA GARANTIR QUE CHEGUEN A TODA A VECIÑANZA
As persoas interesadas poden recoller a súa mascarilla nas farmacias da localidade, ou contactando con Protección Civil de Sober no teléfono 650 20 34 40, que atende as 24 horas. O Goberno local pediu á cidadanía unha retirada “responsable” deste material, para garantir que se poida dar cobertura a toda a veciñanza.
Dende o Concello de Sober explicaron que este reparto á cidadanía foi posible grazas ao traballo da xunta directiva do Tecor de Sober, da Asociación de Viticultores e das adegas, que conseguiron reunir 2.000 mascarillas. Dende o Consistorio garantiron o subministro deste tipo de material de protección aos Servizos Sociais municipais, Protección Civil, Residencia de maiores e persoal do Centro de Saúde. Esta cobertura xeral foi posible ao sumar a nova doazón aos materiais achegados pola Xunta.
PANTALLAS PROTECTORAS PARA OS COMERCIANTES ELABORADAS POR PARTICULARES
O Goberno local tamén vai ofrecer a todos os dependentes dos locais que están abertos en Sober mascarillas cirúrxicas enviadas pola Xunta, e pantallas protectoras elaboradas por Héctor Suárez e unha profesora do CEIP Virxe do Carme.
A estas entregas hai que sumar o novo lote que a Xunta vén de achegar con destino á Residencia de maiores de Sober, e os equipos de protección para o persoal municipal enviados pola Xunta.