O equipo de Goberno da Deputación amosa a súa solidariedade cos cidadáns e empresarios damnificados polo parón da economía durante o estado de alarma
A totalidade dos 13 deputados do Psoe e BNG que integran o Goberno da Deputación de Lugo decidiron doar o 30% do soldo correspondente ao mes de abril, que se destinará a paliar os efectos da crise provocada polo coronavirus.
TOMÉ: OS RESPONSABLES POLÍTICOS «DEBEN DAR EXEMPLO DE VOCACIÓN PÚBLICA” MEDIANTE XESTOS DE SOLIDARIEDADE COS CIDADÁNS E AS EMPRESAS
O presidente da Deputación, o socialista José Tomé, manifestou que esta decisión, “máis que a contía económica que poida supoñer a doazón, queremos que sexa un xesto de solidariedade coa cidadanía e coas empresas que perderon os seus ingresos habituais e están atravesando momentos difíciles”. Tomé afirmou que os responsables políticos, “como persoas con vocación de servizo público, debemos dar exemplo nesta crise sanitaria”, que está xerando “gran impacto económico e laboral”.
O mandatario provincial asegurou que “agora cómpre fortalecer a nosa sanidade pública, o estado de benestar e a reconstrucción económica e social”. Ademais das medidas que no eido político e económico está a tomar a Deputación, Tomé salientou que se van seguir facendo, e que esta doazón “amosa que podemos poñer o noso grao de arena persoal nesta causa”.
MAITE FERREIRO: “ESTA EMERXENCIA SANITARIA EVIDENCIA A NECESIDADE DE FORTALECER A SANIDADE PÚBLICA, OS SERVIZOS DE PROTECCIÓN SOCIAL E A INVESTIGACIÓN”
Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación de Lugo, a nacionalista Maite Ferreiro, salientou que esta doazón “é só un xesto simbólico que, en ningún caso, substitúe o papel das administracións”. Ferreiro puxo de manifesto que a emerxencia sanitaria polo coronavirus “evidencia a necesidade de fortalecer a sanidade pública, os servizos de protección social e a investigación”. Estas medidas requiren, segundo puntualizou a mandataria nacionalista, “unha decidida aposta política polo público”.