Os concellos lucenses poderán celebrar plenos e reunións telemáticas durante a pandemia

A Deputación de Lugo ofrece aos concellos que o soliciten asistencia técnica, asesoramento e colaboración para que poidan seguir co seu funcionamento colexiado de xeito virtual

O presidente da Deputación, José Tomé, durante o último Pleno da Deputación, que foi o primeiro celebrado de xeito telemático na historia do organismo provincial. GPDL

As habituais sesións colexiadas dos concellos lucenses poderán seguir celebrándose durante o estado de alarma grazas ao soporte técnico que ofrece a Deputación. O organismo provincial emitiu unha comunicación aos 67 municipios informando da posta a disposición dos Consistorios lucenses dun novo servizo gratuíto baixo demanda, a través do departamento de Novas Tecnoloxías.

APLICACIÓN DE VIDEOCONFERENCIAS EN REDE DESDE CALQUER DISPOSITIVO

A eficacia deste dispositivo comprobouse no Pleno telemático, o primeiro na historia da Deputación, celebrado o xoves 2 de abril. Segundo explicaron os responsables provincias, o sistema funciona a través dunha aplicación de videoconferencias en rede, que permite conectarse dende diversos dispositivos, como ordenadores de sobremesa e portátiles, así como tablets ou teléfonos móbiles, de xeito sinxelo e intuitivo.

VARIAS MODALIDADES DE SERVIZO

O novo servizo ofrecido pola Deputación terá en conta as necesidades e características de cada Concello solicitante, para ofrecerlle a solución máis axeitada ao seu caso. O servizo pódese desfrutar en varias modalidades. O Consistorio solicitante pode pedir só asesoramento, ou recibir o paquete completo que inclúe seguemento da sesión colexiada completa e retransmisión por streaming na canle de YouTube do Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación.

COLABORACIÓN COS CONCELLOS, SOBRE TODO COS MÁIS PEQUENOS E NUNHA SITUACIÓN COMO A ACTUAL

No anuncio da posta en marcha deste servizo, o presidente da Deputación, José Tomé, insistiu en que “a nosa función é a cooperación cos concellos, e máis nun momento coma este, nos que os concellos máis pequenos, con menos recursos, difícilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo” a causa da pandemia do coronavirus. Con esta ferramenta, que permite reunións telemáticas, os Concellos poderán seguir funcionando para sacar adiante trámites ou medidas que contribúen ao benestar da veciñanza e á marcha da economía, salientou Tomé

Ademais, dende o organismo provincial puntualizaron que esta medida desenvólvese de acordo á modificación da Lei Reguladora das Bases de Réxime Local, que se acordou en Consello de Ministros e se publicou o 1 de abril. Segundo explicaron os responsables provinciais, esta modificación recolle a posibilidade de que os órganos representativos locais e de goberno, así como outros órganos colexiados da administración local, se poidan reunir de xeito telemático e adoptar acordos durante o estado de alarma.  

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os nenos de Bóveda debuxan para animar o confinamento

Seguinte Nova

Maite Ferreiro insta aos concellos a solicitar que se derogue a Lei Montoro

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: