O CEIP Rosalía de Castro e o Concello lanzan un concurso para escolares, no que deberán debuxar a que sitio de Bóveda queren ir cando remate este periodo
Os cativos de Bóveda están chamados a participar nunha iniciativa lúdica e creativa para divertirse mentres non poden acudir ás aulas. Dende o CEIP Rosalía de Castro e o Concello, veñen de convocar un concurso de debuxo no que poden participar todos os escolares do municipio, con premio para todos.
ENTREGAS POR CORREO ELECTRÓNICO ATA O 14 DE ABRIL
Dende a organización do concurso, propuxeron aos escolares debuxar a que sitio do municipio de Bóveda queren ir unha vez remate este periodo de confinamento na casa. Os debuxos deberán enviarse ao enderezo electrónico ceip.rosalia.boveda@edu.xunta.gal, ata o 14 de abril. O Concello de Bóveda dará difusión a todos os debuxos recibidos, que se colgarán nas redes sociais do Consistorio (Facebook e Instagram).
FOTO SÓ DO DEBUXO, OU TAMÉN DO PROPIO ESCOLAR CO DESEÑO QUE FIXO PARA O CONCURSO
Os interesados en participar deberán mandar o seu debuxo, indicando nalgunha das marxes do deseño o seu nome e idade. Os documentos poderán conter só o debuxo, ou a foto do autor ou autora amosando o debuxo co que concursa.
CADA PARTICIPANTE PODERÁ PLANTAR A SÚA PROPIA ÁRBORE NOS TROLLOS
Todos os escolares que participen no concurso terán como premio unha excursión á Aula da Natureza de Os Trollos, na que poderán desfrutar dunha visita guiada, e de plantar a súa propia árbore.