Os músicos gravaron a súa aportación, e o director encargouse da montaxe, que se pode desfrutar na recén estreada canle de YouTube da agrupación
Neste tempo de confinamento, chega aos fogares unha mensaxe musical de esperanza, interpretada pola Banda de Música de Sober. Aínda que polas circunstancias do estado de alarma non puideron reunirse físicamente, boa parte dos membros desta formación musical sumáronse á invitación feita polo director da Banda, Miguel Franqueiro, e gravar entre todos unha peza moi especial. “Trátase dunha canción moi esperanzadora, que te enche de boas vibracións neste tempo de dificultades”, sinalou.
EXPERIENCIA ENRIQUECEDORA A TRAVÉS DA MÚSICA
A idea foi do propio Franqueiro, que contactou cos membros da banda para ver se podían gravar por separado as diferentes aportacións da partitura de “This is Me”, gañadora dun Globo de Ouro como parte dunha comedia musical. Algúns músicos da formación soberina non puideron participar, por obrigas laborais ou de estudos e non dispoñer dos seus instrumentos. Os que tiñan os medios para tocar, animáronse a gravar a súa interpretación dende a casa, e o director asumiu a montaxe e os arranxos, botando man de moitas horas de traballo e de recursos propios. El mesmo encargouse de subir o resultado final á canle de YouTube da Banda de Música de Sober, que se estrea con estas peza e co concerto que interpretaron xunto ao grupo local Os Parentes o ano pasado.
Franqueiro asegurou que a experiencia foi “enriquecedora”, e permitiu que os músicos da Banda sigan tocando e mantendo o contacto, pois “nada debe apagar a nosa música”.