Case 6.000 persoas empregaron o novo bus gratuíto dende o 1 de febreiro ata o 14 de marzo, preto de 1.000 máis que en todo o ano pasado
O novo bus municipal de Monforte está a ter unha ampla aceptación, como demostran as cifras achegadas dende o Concello sobre o uso deste servizo no seu primeiro mes e medio de andadura. Segundo explicou o alcalde, José Tomé, neste periodo foron case 6.000 as persoas que empregaron o autobús, fronte ás preto de 5.000 que utilizaron este servizo ao longo de todo 2019.
O periodo contabilizado nos datos que aportou a empresa concesionaria abrangue dende o 1 de febreiro, data da posta en marcha do novo bus, ata o 14 de marzo, cando se decretou o estado de alarma, que provocou o peche provisional da súa actividade.
“EXCELENTE ACOLLIDA DO NOVO BUS POLA CIDADANÍA”
Tomé destacou “a excelente acollida por parte dos cidadáns” deste servizo, que sumou 5.989 pasaxeiros no seu primeiro mes e medio de servizo. En concreto, ao longo de febreiro, subíronse ao autobús municipal un total de 3.886 persoas. Do 1 ao 14 de marzo, data do cese de actividade polo estado de alarma, contabilizáronse 2.013 usuarios.
SERVIZO SUSPENDIDO TEMPORALMENTE POR SER UN ESPAZO DE ALTO RISCO DE CONTAXIO
O rexedor local quixo trasladar aos veciños o seu “compromiso de que, tan pronto como sexa posible, o bus urbano gratuíto volverá a funcionar con normalidade”. O Concello decidiu suspender temporalmente este servizo trala declaración do estado de alarma por consideralo un espazo de alto risco de contaxio para os posibles usuarios.