Entre as mercadas polo Consistorio en tres quendas, máis as aportadas pola Xunta e por doazóns, case se pode dar protección a toda a veciñanza do municipio

No Saviñao continúan as xestións para dotar á veciñanza de equipos individuais cos que evitar novos contaxios. O Goberno local vén de adquirir un novo lote de 4.000 mascarillas, no que sería xa a terceira compra deste tipo de material polo Concello. Ademais, o propio 13 de abril, día en que se anunciou esta adquisición, o Concello repartiu 300 mascarillas entre as persoas que poden incorporarse á actividade laboral e as que deben saír dos seus domicilios por causas xustificadas.
Dende o Consistorio do Saviñao informaron de que, ata mediados deste mes, puxéronse á disposición da veciñanza un total de 6.392 mascarillas. “Estamos a facer un esforzo extraordinario para dar cobertura a todas as casas, negocios, centro de saúde, e traballadores municipais”, salientou o alcalde, Juan Carlos Armesto. O rexedor do Saviñao afirmou que “agora mesmo, coas que compramos directamente e as recibidas, podemos dicir que todos os veciños e veciñas poden ter unha máscara para poder protexerse”.
DETALLE DAS ACHEGAS DE MATERIAL PARA PROTECCIÓN NO MUNICIPIO
Do conxunto das máis de 6.300 mascarillas, 4.700 comprounas o propio Concello, 1.472 foron doadas pola Xunta de Galicia, e outra 220 entregounas a empresa Confecciones Elper. Ás mascarillas, hai que sumar a aportación doutros materiais de protección pola Xunta, que incluíron 2.100 luvas, 964 máscaras, 19 traxes de protección, 13 botes de xel hidroalcohólico, 15 garrafas de lixivia e 2 buzos para o Concello, así como 1.100 luvas, 6 botes de xel hidroalcohólico, 11 garrafas de lixivia, 508 máscaras, 3 batas de plásticos, 6 mandiles de plástico e 6 pantallas protectoras para vivendas comunitarias. A toda esta equipación, hai que engadir as pantallas de protección doadas polo colexio de Escairón.