O consumo de alimentos nos fogares galegos aumentou un 16,5% na terceira semana do confinamento

Os datos do Ministerio comparan o consumo co mesmo periodo do ano pasado

Durante o confinamento, os españois evolucionaron dende unha cesta da compra de supervivencia a outra máis lúdica e variada. (Foto: Pixabay)

As semanas de confinamento están a rexistrar un maior consumo de alimentos nos fogares de toda España, respecto ao mesmo periodo de 2019. Segundo a análise de consumo no fogar que publica o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, entre o 30 de marzo e o 5 de abril, periodo correspondente á semana 14 do ano, Galicia experimentou un incremento do consumo de alimentos nos fogares dun 16,5%, aumento que ascendeu ata o 22,2% no conxunto de España.

GALICIA, ENTRE AS COMUNIDADES NAS QUE MENOS SE DISPAROU O CONSUMO DURANTE O ESTADO DE ALARMA

Respecto á segunda semana de confinamento, a subida do consumo en Galicia foi do 3,5%. Esta cifra sitúa á nosa comunidade entre as sete autonomías con menor incremento en dita quincena, por detrás de Navarra (cun -15,6%), País Vasco (-3,9%), Baleares (-2,8%), Castela-León (-0,7%), Valencia (0,7%) e Castela-A Mancha (2,0%). Por contra, as comunidades onde medrou o consumo de alimentos entre o 23 de marzo e o 5 de abril foron Cantabria (35,0%), Extremadura (32,2%) e Aragón (26,8%). A media de incremento neste periodo para o conxunto do Estado foi do 7,1%.

O CONFINAMENTO DISPAROU AS COMPRAS POR INTERNET NUN 84% MÁIS

Os datos por produtos e establecementos de compra que ofrece o Ministerio refírense ao total de España. Segundo este informe, as compras por internet medraron case un 84% durante a segunda e a terceira semana do confinamento. Na segunda semana que os españois permaneceron nos seus domicilios polo estado de alarma, as compras telemáticas creceron un 7,1%, e na tercera o aumento chegou ata o 25%.   

AS TENDAS DE BARRIO E OS SUPERMERCADOS DE PROXIMIDADE, OS MÁIS SOLICITADOS

En canto ao tipo de establecementos, os españois volveron á tenda de barrio para comprar durante o confinamento. Os supermercados de proximidade e as tendas tradicionais acadaron os maiores incrementos de venda, cun 30,3% e un 26% máis por riba da media do volumen de alimentos. A subida nos hipermercados foi do 9,2% e nas tendas de desconto do 6%.

UNHA CESTA DA COMPRA MÁIS DE SUPERVIVENCIA NAS PRIMEIRAS SEMANAS, PERO MÁIS LÚDICA SEGUNDO AVANZABA O CONFINAMENTO

Sempre con datos de ámbito nacional, o informe do Ministerio aprecia que as primeiras semanas de confinamento, os españois optaron por mercar produtos de primeira necesidade. Co transcurso dos días, a cesta da compra evolucionou para dar preferencia a produtos máis propios de bares e restaurantes, cun repunte de ata o 50% en viños, cervezas e bebidas espirituosas, ademais de snacks, tabletas de chocolate e froitos secos.

A VENDA DE PAN MEDROU UN 20%

Outro dos produtos que disparou as súas vendas foi o pan, con subidas de ata o 20% na terceira semana do estado de alarma. Xunto ao consumo do pan, medrou a compra de fariña de xeito significativo, segundo explica o informe ministerial.

MÁIS TEMPO NA COCIÑA, PERO MÁIS COMPRA DE PRATOS PREPARADOS

Resulta significativo o aumento na compra de pratos preparados, a pesar de que os españois adicaron máis tempo a cociñar. A venda deste tipo de produtos listos para consumir subiu ata o 23% na terceira semana do confinamento, logo dunha crecida constante nas semanas previas.

CRECEU O CONSUMO DE FROITA E PATACAS

O paso do tempo tamén favoreceu a compra de froita fresca e produtos de horta, que superaron o 23% de incremento nos días previos á Semana Santa. Nesta liña, cómpre salientar a subida no consumo de patacas, que en fresco medrou ata o 31,2%, e transformadas un 31,6%.  

MENOS PESCADO FRESCO, E MÁIS CARNE, SOBRE TODO TRANSFORMADA

En canto aos produtos do mar, os españois non se lanzaron a consumir pescado durante o confinamento. No conxunto da pesca, mantense a porcentaxe respecto ao mesmo periodo do ano anterior, aínda que medrou un 37,9% a venda de pescado conxelado, a costa do fresco, que baixou un 4,4%, manténdose o consumo de conservas con cifras propias do ano pasado, cun incremento de -0,7%.

En canto ao consumo de carne, medrou un 22,9% en conxunto, destacando a preferencia pola carne transformada, cun 19,3% máis respecto ao mesmo periodo de 2019.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Reparto de mascarillas en Quiroga da nova quenda achegada polo Goberno central

Seguinte Nova

Efectivos da UME realizaron tarefas de desinfección no poboado monfortino de As Lamas

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: