Vai destinado ao persoal da institución e usuarios dos seus servizos sociais, e se abrirá ao resto da provincia cando remate a emerxencia
A Deputación de Lugo anunciou a compra de 220.000 unidades de material de protección contra o coronavirus, con destino ao persoal da institución e aos usuarios dos servizos sociais que presta. O material tamén se distribuirá ao conxunto da provincia “para axudar a paliar as necesidades que se van a producir cando empece a desescalada polo levantamento paulatino do estado de alarma”. Así o anunciou o presidente da Deputación, José Tomé, logo da sinatura do decreto que ordena a adquisición deste material, o 15 de abril.
140.000 EUROS PARA UN PEDIDO DESEÑADO SEGUNDO UN INFORME TÉCNICO
Segundo informaron dende o organismo provincial, o pedido inclúe 100.000 mascarillas cirúrxicas, 12.000 mascarillas tipo FFP2, e 300 mascarillas tipo FFP3, así como 100.000 luvas, 4.000 calzas, 3.000 gorros e 100 xeles hidroalcólicos de 1 litro. Para a compra, a Deputación destinou case 140.000 euros de fondos propios. Tomé precisou que as cantidades de cada tipo de material establecéronse seguindo un informe técnico dos servizos provinciais de Prevención de Riscos e Benestar Social.
COMPRA A TRES EMPRESAS DIFERENTES “PARA MINIMIZAR RISCOS” DE SATURACIÓN DE MERCADO
O mandatario provincial asegurou que o material comezará a recibirse esta mesma semana. “Agardamos que a semana que vén xa teñamos aquí practicamente o total do pedido”, salientou. En canto á xestión da compra, Tomé precisou que optaron por diversificar a compra en tres empresas “para minimizar riscos ante as dificultades que a saturación da demanda provoca no mercado”.