Galicia leva realizadas case 54.000 probas para detectar o coronavirus desde o arranque da pandemia
Galicia priorizará o uso dos 30.000 test de dobre banda que vén de recibir para os sanitarios que estean en zonas COVID-19 de hospitais, doentes en urxencias e persoal de residencias. Así o vén de decidir nas últimas horas o comité clínico que asesora á Xunta durante esta crise sanitaria.
Estes test de dobre banda adquiridos pola Xunta permiten detectar positivos e coñecer cales son positivos activos e cales inmunizados. Así, e tendo en conta que serán vitais á hora de evitar novos contaxios, comezaranse a realizar nos servizos de urxencias para doentes que presenten infección respiratoria aguda; para o control de persoal de zonas COVID-19 en hospitais, tanto nas diferentes plantas destinadas en exclusiva para o coronavirus, como nas UCI e outros espazos; ao persoal e usuarios das residencias; e tamén para confirmar as PCR negativas nos doentes con sintomatoloxía.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, visitou esta mañá en Vigo as instalacións de microbioloxía onde se levan a cabo as análises das probas diagnósticas (PCR), das que Galicia levaba realizadas dende o comezo da pandemia ata onte un total de 53.829 tests.