O Concello de Pantón anuncia máis accións de emerxencia durante a pandemia

As oficinas municipais abrirán unha hora diaria, haberá mascarillas de balde nas farmacias, e lotes de produtos básicos en Servizos Sociais

A partir do luns 20 de abril, as oficinas do Concello de Pantón abrirán de 10:30 a 11:30 horas para trámites que non poidan realizarse telemáticamente. (Arquivo EC)

Para facer fronte ás necesidades da veciñanza durante a crise sanitaria, o Concello de Pantón vén de poñer en marcha varias iniciativas. Segundo informou o alcalde, José Luís Álvarez, as oficinas municipais permanecerán abertas todos os días laborables de 10:30 a 11:30 horas, a partir do luns 20 de abril. Álvarez insistiu en que só se atenderán aquelas tramitacións que non se poidan realizar por vía telemática. O rexedor lembrou á veciñanza a importancia de quedar na casa para frear a expansión do coronavirus, e garantir a saúde e o benestar de todos.

LOTE DE MASCARILLAS ADQUIRIDAS POLO CONCELLO E Á DISPOSICIÓN DOS VECIÑOS NAS FARMACIAS DE PANTÓN

Outra das medidas anunciadas polo rexedor pantonés ten que ver cos equipos de autoprotección fronte a posibles contaxios. O Goberno local vén de adquirir un lote de mascarillas, que están nas farmacias do municipio a disposición daqueles veciños que as necesiten. Dende o equipo de Goberno insistiron na importancia de cumprir as normas básicas de prevención, que inclúen o lavado frecuente de mans, a hixiene dentro dos domicilios, e o mantemento da distancia de seguridade entre persoas no caso de ter que saír da casa.

BOLSAS DE ALIMENTOS E PRODUTOS BÁSICOS PARA FAMILIAS VULNERABLES

Así mesmo, para atender ás familias con máis necesidade, o Concello ofrece lotes de produtos básicos e alimentos a través da oficina de Servizos Sociais. As persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade e precisen deste tipo de axuda, deberán contactar co persoal de Servizos Sociais do Concello de Pantón a través do teléfono 982 45 65 61.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Medio Rural anima aos distribuidores a sumarse á rede Mercaproximidade, para impulsar os produtos agroalimentarios galegos

Seguinte Nova

Novo concerto en directo no Facebook do Concello da Pobra do Brollón

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: