Tamén cubrirán as necesidades do persoal municipal e usuarios dos servizos que presta o Consistorio
A veciñanza de Monforte disporá de mascarillas cirúrxicas de balde para protexerse do contaxio do coronavirus. O Concello vén de adquirir un lote de 72.000 mascarillas, para o que destinou 55.000 euros de fondos propios. Dende o Goberno local salientaron que as unidades compráronse a dúas empresas monfortinas, Calzados Losal e Curgal, que están colaborando co Concello. De ser preciso, poderíase completar esta compra con novos lotes, para cubrir as necesidades que vaian xurdindo.
TRES MASCARILLAS POR PERSOA PARA OS EMPADROADOS EN MONFORTE
A cantidade de mascarillas cirúrxicas estableceuse tendo en conta a cobertura suficiente para o persoal municipal e dos usuarios dos servizos que presta o Concello, ademais do conxunto da cidadanía de Monforte, a razón de tres mascarillas por persoa.
O alcalde, José Tomé, explicou que se disporá da totalidade da partida de mascarillas “nun prazo aproximado de entre 10 e 15 días”, aínda que non descarta que se poida ir dispoñendo de unidades antes deste prazo.
O reparto terá en conta ás persoas empadroadas no Concello de Monforte, e se realizará mediante un procedemento “que se dará a coñecer públicamente” e co que se pretende “evitar picarescas e para que todos teñan as mesmas oportunidades no reparto das citadas mascarillas”. Tomé salientou que, con esta medida, Monforte converterase no Concello que máis elementos de protección ofrece de xeito individual aos seus veciños.
Dende o Consistorio insistiron en que, “se fose necesario”, tamén se surtirá de mascarillas cirúrxicas a empresas, asociacións e sectores económicos que poidan ter necesidades de xeito puntual, como se estivo facendo ata agora.
Tomé afirmou que “o Concello de Monforte quere xogar un papel clave” na asistencia á cidadanía, “facilitando aos monfortinos, na medida das nosas posibilidades, os recursos de protección tan necesarios nestes tempos”.