O equipo redactor completou a análise do estado actual dos itinerarios Chantada- Ponte Nova dos Peares e Monforte- Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil

O traballo documental sobre o que será o primeiro Plan de Acción da Paisaxe da Ribeira Sacra continúa avanzando, desta volta na concreción de dous itinerarios de especial interese para este territorio. Os expertos encargados da redacción deste Plan mantiveron unha reunión por videoconferencia coa conselleira do Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o 20 de abril. No encontró tamén participou o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián.
ALGO MÁIS DE 61 QUILÓMETROS AO LONGO DESTES VIAIS
Na xuntanza telemática, Vázquez coñeceu os avances na concreción da memoria técnica, referidos a dous itinerarios de interese paisaxístico con valores panorámicos, o que vai de Chantada á Ponte Nova dos Peares, e o que arranca en Monforte de Lemos ata chegar ao Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil. Os tramos referidos na memoria son os vinculados á Área de Especial Interese Paisaxístico da Ribeira Sacra, e ao Ben de Interese Cultural Ribeira Sacra, cun espazo global de 61,06 quilómetros.
Na memoria, trátanse de definir accións cos organismos titulares das vías públicas que pasan por este espazo. Todas estas iniciativas deben definir as bases dun convenio de colaboración con ditos organismos e co Consorcio de Turismo, para garantir o cumprimento das acción que se establezan no Plan.
ANÁLISE DO ESTADO ACTUAL DESTES DOUS ITINERARIOS
Segundo informaron dende Medio Ambiente, o texto da memoria analiza o estado actual destes dous itinerarios dende o punto de vista viario, tendo en conta a sinalización e os cruces, ademais de valorar a accesibilidade, así como os impactos e as oportunidades.
Dende a Consellería lembraron que o Plan de Acción da Paisaxe da Ribeira Sacra dispón dun investimento superior aos 3,5 millóns de euros, e se materializará a través de 10 propostas de actuación.