As obras, financiadas con 155.000 euros pola Xunta, estiveron paradas dúas semanas ata que se recuperaron as actividades non esenciais
O proxecto de reforma integral da estación de autobuses de Monforte volveu a estar en marcha, logo do parón por mor da alerta sanitaria. As obras retomáronse unha vez que o Goberno central levantou a suspensión das actividades non esenciais. Dende a Delegación Territorial da Xunta, José Manuel Balseiro precisou que os traballadores desta obra pública están a seguir a normativa de prevención fronte ao coronavirus, empregando mascarillas e luvas, e respectando as distancias de seguridade.
ARRANXOS NAS DÁRSENAS, NA CUBERTA E NO INTERIOR DA ESTACIÓN
A Xunta destina a este proxecto un total de 155.000 euros, que servirán para darlle un lavado de cara integral ao recinto, tanto por dentro coma no aspecto exterior. Así, a estación de autobuses disporá de novo mobiliario na sala de espera, con novos bancos, e a instalación de novas pantallas para un mellor seguemento das saídas e chegadas. As obras contemplan tamén o repintado dos teitos e das paredes, ademais do arranxo da cuberta e das dársenas. O proxecto inclúe a reforma dos aseos, a renovación do sistema de iluminación e de recollida de augas pluviais, e o arranxo do peche perimetral da estación.