Tomé estima que terá aprobada a primeira RPT do Concello para xuño de 2021

O alcalde anunciou a posta en marcha do calendario para formalizar un documento “moi necesario”, e que “redundará na mellora dos servizos públicos para a veciñanza de Monforte”

A elaboración da Relación de Postos de Traballo do Concello monfortino precisará da colaboración dos traballadores, e implicará aos representantes sindicais, segundo apuntou o alcalde. GPCM

A organización e estrutura do persoal ao servizo do Concello de Monforte disporá dun documento oficial en algo máis dun ano. O alcalde, José Tomé, vén de dar o primeiro paso para dar forma á Relación de Postos de Traballo deste Consistorio, un dos compromisos que o socialista adquiriu co Pleno e cos traballadores municipais no anterior mandato. Tomé considera que agora se dan “as circunstancias políticas” para abordar unha tarefa que cualificou de “complicada e difícil” pero que “non pode aprazarse”.

O rexedor considera “moi necesario” este documento organizativo, que definirá con claridade a estrutura municipal e as funcións de cada un dos seus traballadores, e que “redundará nunha mellora dos servizos públicos aos veciños e veciñas de Monforte”. De feito, unha RPT debería permitir un funcionamento máis axeitado da institución local, e sería unha ferramenta clave para solucionar disfuncións económicas entre o personal e clarificar as súas competencias. Todo isto, segundo insistiu o alcalde, na busca de “optimizar a prestación de servizos á cidadanía”.

Tomé conta con ter aprobada a Relación de Postos de Traballo en xuño de 2021, para incluir as modificación salariais correspondentes nos orzamentos para 2022.

O DOCUMENTO VAISE ELABORAR CON MEDIOS PROPIOS, PARA OPTIMIZAR CUSTOS E APROVEITAR O COÑECEMENTO DO PERSOAL SOBRE O FUNCIONAMENTO DO CONCELLO

O primeiro chanzo para elaborar este documento foi a reunión mantida, o 20 de abril, polo alcalde e os representantes sindicais de UGT, CCOO, CIG e CSIF. Na xuntanza, estiveron presentes a tenente de Alcalde e responsable de Persoal, Gloria Prada, e o secretario municipal, José Antonio Mourelle. Tomé precisou que a elaboración da RPT xa tivo varios intentos en mandatos anteriores, pola vía da contratación dunha entidade externa, pública ou privada, pero ningún chegou a materializarse. Desta volta, a idea do equipo de Goberno é elaborar este documento con medios propios, para aproveitar o persoal cualificado da plantilla municipal, optimizar recursos económicos, e sacarlle partido ao coñecemento que da propia institución local e do seu día a día teñen os técnicos municipais. Neste sentido, o equipo redactor terá sempre en conta as aportacións dos traballadores do Concello, aos que se lles pedirá a súa colaboración para definir as tarefas vinculadas a cada un dos postos.

Na explicación do proceso a seguir, Tomé insistiu en que será “transparente, aberto e participativo”, e coa presenza “esencial” dos representantes sindicais.

UN LONGO CALENDARIO EN VARIAS FASES, ATA O VERÁN DE 2021

Para concretar a xestión dos recursos humanos do Concello, o Goberno local deu a coñecer un calendario de accións que arrancarán coa reunión da Mesa Xeral de Negociación, na que se informará desta planificación neste mes de abril. A continuación, procederase co traballo de análise e descrición da estrutura e funcións actuais, para adecuala ás necesidades da institución, e que ocupará previsiblemente un periodo de tres meses.

O seguinte paso implicará definir a relación de postos de traballo, na que se poderá fixar un novo organigrama, pero sempre dando a posibilidade de alegación aos traballadores. Esta fase, a máis longa, comezará despois do verán, e se prevé que remate en febreiro de 2021. As tramitacións estará a cargo dun Grupo de Traballo previamente definido, que formalizará unha proposta inicial de RPT. Este documento presentarase á Xunta de Goberno e aos sindicatos en marzo de 2021.

Os resultados desta fase de negociación plasmarase nun documento final, aproximadamente en maio de 2021, que esixirá a súa aprobación pola Xunta de Goberno e polo Pleno municipal, para continuar cun procedemento de exposición pública e alegacións. O texto definitivo que incorporaría a resolución das alegacións presentadas deberá someterse de novo ao Pleno, antes da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, previsiblemente en xuño de 2021.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sober recupera a loita contra a velutina

Seguinte Nova

Galicia ten 6534 casos activos de coronavius, un 1,84% máis co día anterior. O numero total de contaxios dende o inicio chega a 8.634, volve a medrar o incremento: 1,96%

Últimas noticias sobre EMPREGO

A %d blogueros les gusta esto: