850.000 euros en axudas para rehabilitar vivendas este ano na Ribeira Sacra

O Diario Oficial de Galicia publicou o recoñecemento deste territorio como nova Área de Rehabilitación Integral

A Xunta prevé que a ARI Ribeira Sacra impulse a rehabilitación de polo menos 2.000 vivendas en 10 anos. (Arquivo EC)

Dende o 23 de abril, os 25 concellos da Ribeira Sacra xa contan coa consideración de Área de Rehabilitación Integral (ARI), polo que percibirán achegas específicas para a remodelación e recuperación de inmobles. A publicación, no Diario Oficial de Galicia, da orde pola que se recoñece esta nova ARI supón o lanzamento de subvencións públicas para financiar este tipo de actuacións, que sumarán este ano arredor de 850.000 euros.

EN MAIO, ABRIRASE O PRAZO DE SOLICITUDE

Esta primeira convocatoria de achegas da Xunta, que xa está en tramitación, publicarase previsiblemente no mes de maio. As subvencións deberán solicitarse no Instituto Galego da Vivenda e o Solo, tendo como destinatarios aos propietarios das vivendas ou inmobles.

As achegas axudarán a financiar a rehabilitación de inmobles e vivendas, incluíndo as unifamiliares, para mellorar a súa funcionalidade e conservación, segundo a normativa vixente. Tamén se subvencionarán proxectos de mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade, así como da accesibilidade e de servizos como o subministro de auga e enerxía, e de acceso á rede de datos. Así mesmo, as achegas cubrirán as obras que faciliten o aumento da ocupación de edificios e vivendas, e melloren a calidade de vida dos usuarios. Nesta liña, cada proxecto poderá recibir ata un máximo de 16.000 euros.

Estas subvencións da nova ARI Ribeira Sacra tamén beneficiarán aos Concellos. As entidades locais poderán financiar melloras de espazos públicos que impliquen accesos a núcleos e vivendas, pavimentación de vías e instalación de mobiliario urbano. Por esta vía, o importe da subvención dependerá do número de vivendas rehabilitadas en cada ámbito, con ata 2.000 euros por vivenda.

433 PARROQUIAS DE 25 MUNICIPIOS DE LUGO E OURENSE

A liña de axudas para a ARI Ribeira Sacra cubrirá un amplo territorio integrado por 25 concellos e 433 parroquias, espalladas por un total de 2.990 quilómetros. A demarcación abrangue municipios das provincias de Lugo e Ourense: Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Chantada, Esgos, Manzaneda, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra de Brollón,  Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadañedo.

PREVISIÓN DE ARRANXO DUN MÍNIMO DE 2.000 VIVENDAS EN 10 ANOS

Dende a Xunta explicaron que a previsión desta ARI é rehabilitar polo menos 2.000 vivendas durante os dez primeiros anos de funcionamento desta demarcación, sen contar as iniciativas de humanización e rehabilitación que soliciten os Concellos. Os responsables autonómicos precisaron que os fondos para a ARI Ribeira Sacra reaxustaranse conforme á demanda de axudas.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Arrancan as obras na estrada LU-633 nun tramo do Camiño Francés en Triacastela

Seguinte Nova

Preto de 300 libros para celebrar o Día do Libro no Hospital de Monforte

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: