A iniciativa permite ás mulleres pedir axuda cando vaian a calquera das máis de 1.300 farmacias que hai en Galicia

As mulleres vítimas de violencia de xénero contan cunha nova canle de axuda, pensada para situacións de risco durante o confinamento. A Xunta colabora cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos das catro provincias galegas na posta en marcha Mascarilla-19, unha campaña que permite ás mulleres solicitar axuda cando acudar a calquera das 1.345 farmacias espalladas por toda Galicia.
INICIATIVA XURDIDA NAS FARMACIAS DE CANARIAS, E ADAPTADA POR MOITAS COMUNIDADES
Segundo explicou a secretaria xeral para a Igualdade, Susana López Abella, a campaña xurdiu por iniciativa dos colexios farmacéuticos de Canarias, baixo o nome de Máscara-19, e foi adaptada por varias comunidades, entre elas Galicia. Abella comentou os detalles da campaña nunha xuntanza telemática desenvolvida o 24 de abril, cos presidentes dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Lugo, Ourense e Pontevedra, Jano Sánchez, Santiago Leyes e Alba Soutelo e coa vicepresidenta do Colexio de A Coruña, Marga Muñoz.
CÓDIGO “MASCARILLA-19” NA FARMACIA
Esta campaña ten como obxectivo dar unha canle de socorro ás mulleres que están a convivir máis tempo e de xeito máis estreito co seu maltratador, debido ao confinamento domiciliario polo estado de alarma. As posibilidades para facer unha chamada de aviso ou de denuncia son máis limitadas nesta situación, polo que a muller pode aproveitar a saída á farmacia para pedir axuda. Só ten que dar o código “Mascarilla-19”, e o persoal farmacéutico porase inmediatamente en contacto coas forzas e corpos de seguridade do Estado para dar parte da situación de risco.