A Xunta permitirá desprazamentos a hortas e plantacións domésticas se están no mesmo municipio de residencia, ou ata os 5 quilómetros se están noutro concello
A Xunta vén de anunciar novas medidas de flexibilidade para desprazamentos domésticos por coidado de plantacións, e tamén para realizar obras no interior de vivendas. As persoas que teñan plantacións de autoconsumo poderán ir traballar nela se o terreo está no mesmo termo municipal da súa residencia habitual. No caso de ter a leira noutro Concello, o límite de desprazamento será de 5 quilómetros dende o domicilio habitual.
AVARÍAS OU REPARACIÓNS URXENTES, E ACABAR AS INSTALACIÓNS OU REFORMAS XA INICIADAS EN VIVENDAS OCUPADAS
Tamén se permiten as obras no interior de edificios e vivendas, cando se trate de reparación urxentes de instalacións ou avarías, tanto en espazos comúns como particulares. A nova disposición da Xunta dá luz verde tamén a rematar obras xa comezadas e que se viron paralizadas coa declaración do estado de alarma. En concreto, permítese completar as instalacións ou reparacións en ascensores, obras de accesibilidade, e reparacións ou rehabilitacións dentro de vivendas habitadas, cando o estado das obras dificulte de xeito significativo a habitabilidade.