Nunha videoconferencia co sector, o nacionalista Efrén Castro anunciou que as achegas do Centrad contarán cun mínimo de 50.000 euros
O sector da artesanía da provincia de Lugo disporá dunha liña de axudas directas da Deputación para paliar os danos derivados da emerxencia sanitaria. O deputado de Artesanía e Deseño no organismo provincial, o nacionalista Efrén Castro anunciou unha liña de achegas que sumará un mínimo de 50.000 euros.
PREOCUPACIÓN POLO FUTURO INMEDIATO DAS FEIRAS, DEMOSTRACIÓNS E OBRADOIROS DE ARTESANÍA
O anuncio realizouse durante a videoconferencia mantida por Castro con varios representantes do sector da artesanía lucense. O responsable provincial escoitou as mensaxes de preocupación destes profesionais por aspectos como o futuro das feiras de artesanía, as demostracións, os obradoiros ou as visitas guiadas, tanto a curto como a medio prazo. Na xuntanza virtual participaron Francisco Fra, carpinteiro de ribeira en San Cibrao; a deseñadora Pilar Cupeiro, de Cospeito; o oleiro de Gundivós Elías González; e o luthier Xaneco Tubío, de Outeiro de Rei. Os asistentes á reunión telemática valoraron a iniciativa do deputado Castro por coñecer de primeira man as inquedanzas do sector. Á anulación de todas as feiras, eventos e visitas guiadas que tiñan contratadas dende hai meses a causa da alerta sanitaria, os artesáns lucenses suman o temor pola evolución do turismo, xa que constitúe unha fonte de ingresos moi importante para os artesáns máis apegados ao territorio.
EFRÉN CASTRO: ESTAS AXUDAS DIRECTAS “TRATAN DE AXUDAR AO SECTOR NO MOMENTO MÁIS AGUDO DA CRISE”
Efrén Castro explicoulles que o Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), dependente da Deputación de Lugo, está a traballar nesta liña de axudas directas, que estarán dotadas con un mínimo de 50.000 euros. Castro insistiu en que serán “axudas directas”, destinadas a apoiar “a todos os artesáns e artesas acreditados”. O nacionalista informou de que están a elaborar as bases “para sacar adiante a convocatoria en canto sexa posible”. O obxectivo, segundo salientou Castro, é “tratar de axudar ao sector no momento máis agudo da crise, dentro das nosas posibilidades”.