O conselleiro de Industria reuniuse por videoconferencia cos representantes dos Centros Comerciais Abertos de Monforte, Sarria e Chantada
A reapertura do comercio de proximidade cando remate o confinamento dependerá das directrices do Goberno central, aínda que a Xunta está a analizar co sector un plan de medidas de detalle. Así o explicou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, na xuntanza que mantivo por videoconferencia cos representantes do CCU Monforte e dos CCA de Sarria e de Chantada, o martes 28 de abril. Conde adiantoulles que a proposta da Xunta inclúe unha apertura “flexible e dinámica”, con limitación de aforo ou cita previa, para reducir no posible o risco de contaxios.
DESESCALAR DE XEITO “FLEXIBLE E DINÁMICO” TENDO EN CONTA A XEOGRAFÍA, A POBOACIÓN E OS SECTORES ECONÓMICOS
Na xuntanza, o conselleiro insistiu en que a Xunta demanda do Goberno central “protocolos claros de actuación a nivel estatal”. Con todo, dende o Executivo galego apostan por unha volta á normalidade “baseado no mando único” pero que se aplique “tendo en conta as especificidades dos diferentes territorios”. Conde foi claro na súa intervención, apuntando a tres eixos, o demográfico, o xeográfico e o dos sectores económicos, dentro dun modelo de desescalada “flexible e dinámico”.
Conde enumerou as propostas concretas que trasladou a Xunta ao Goberno central para aplicar a volta á normalidade no eido comercial. Así, o conselleiro referiuse á apertura de talleres e concesionarios, a apertura paulatina doutro tipo de establecementos, aplicando neles sistemas de limitación de aforo ou de cita previa. O titular autonómico tamén incluiu a venda de produtos agrícolas e gandeiros nos mercados municipais ao aire libre.
INCENTIVAR O CONSUMO NO PEQUENO COMERCIO, TAMÉN POR INTERNET
Aínda que o obxectivo é abrir os negocios con seguridade para empresarios, traballadores e clientes, tamén cómpre pensar na reactivación da súa actividade. Neste sentido, Francisco Conde informou de que o seu departamento está xa a traballar cos representantes do sector para deseñar un plan que incentive o consumo no comercio de proximidade.
Entre as medidas, a Xunta anima aos comerciantes a mellorar as súas ferramentas dixitais, para ofrecer os seus produtos por internet e abrir así máis canles de venda. Así mesmo, estase a deseñar protocolos e solucións para garantir a seguridade de traballadores e clientes fronte ao contaxio polo coronavirus.