O Concello adquiriu termómetros infravermellos, pediluvios e purificadores do aire para edificios públicos

O Concello de Sober está equipándose para afrontar a desescalada, co fin de reducir ao máximo as posibilidades de contaxio da veciñanza cando se levante o confinamento. Con este obxectivo, o Consistorio xa adquiriu unha serie de dispositivos tecnolóxicos, con destino a edificios públicos e espazos pechados de uso comunitario.
CONTROL TERMOGRÁFICO PARA ACCEDER AOS EDIFICIOS PÚBLICOS
Segundo explicaron dende o Concello, compráronse termómetros para medir a temperatura, dotados con tecnoloxía infravermella e cámara termográfica. Estes equipos instalaranse na Casa do Concello, a Casa da Cultura, a gardería e a Oficina de Turismo, entre outros edificios públicos. Para colocar na entrada destes espazos, compráronse varios pediluvios, que desinfectan o calzado dos usuarios.
PURIFICADORES DE AIRE E UN XERADOR DE OZONO PARA ESPAZOS PECHADOS DE ACTIVIDADES
Estes espazos tamén contarán con purificadores do aire ionizantes e antibacterianos con luz ultravioleta. Así mesmo, o Concello adquiriu un xerador de ozono para desinfectar vehículos e espazos públicos pechados nos que se desenvolvan actividades, como o ximnasio municipal, o polideportivo ou o auditorio.
Dende o Concello, apuntaron que continuarán repoñendo os dispensadores de xel hidroalcohólico, que se instalaron xa hai anos nos edificios públicos.