A Xunta ultima un plan para minimizar o impacto da crise sanitaria nestes sectores
A recuperación da actividade económica dos profesionais do turismo e a cultura de Galicia disporá de máis de 25 millóns de euros. A Xunta está perfilando un plan de reactivación destinado a paliar as consecuencias da alarma polo coronavirus, logo de que a provincia de Lugo rexistrara máis de 1.300 expedientes de regulación de emprego nestes dous sectores.
XUNTANZA CO XEODESTINO RIBEIRA SACRA, E O XEOPARQUE MONTAÑAS DO COUREL
Así o avanzou o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na videoconferencia que mantivo o 29 de abril cos representantes dos xeodestinos da Ribeira Sacra, A Mariña e Ancares-Courel, e do Xeoparque Montañas do Courel. Balseiro xustificou a importancia deste plan para reactivar o sector turístico no peso que ten no conxunto da economía. Antes do inicio da pandemia, esta actividade representaba o 10,4% do PIB e o 11% do emprego no conxunto da nosa comunidade.
MÁIS DE 1.300 ERTES NO SECTOR TURÍSTICO LUCENSE
O delegado territorial puxo de manifesto o impacto do coronavirus no negocio turístico a través das súas cifras. Balseiro lembrou que, nas últimas semanas, presentáronse na provincia 1.326 expedientes de regulación temporal de emprego, que afectan a un total de 4.830 traballadores. A solicitude dos ERTES supuxo a suspensión do contrato para 4.745 destes traballadores, e a redución de xornada para o resto.
A XUNTA ANTICIPA A PRESTACIÓN AOS AFECTADOS POLOS ERTES
Balseiro salientou que as persoas afectadas por un ERTE que estean pendentes de cobrar a prestación do Estado poden solicitar un anticipo á Xunta. O delegado territorial apuntou que esta medida de liquidez foi resultado da “toma da iniciativa” do Executivo galego para apoiar ás familias.
SEGURIDADE PARA TRABALLADORES E USUARIOS, E TELEFORMACIÓN PARA ARRANCAR A RECUPERACIÓN DO SECTOR TURÍSTICO
O plan de reactivación que prepara a Xunta baséase, segundo destacou o delegado, “en traballar na promoción de Lugo como destino seguro”. Con este obxectivo, a estratexia da Xunta arrancará con dúas accións. Por unha banda, a posta en marcha dun plan de seguridade hixiénico sanitaria, que serviría para intensificar a confianza de traballadores e usuarios. Por outra, está activado un plan de teleformación a través do Centro Superior de Hostalería de Galicia, cunha acollida “moi boa” por parte do sector, ao rexistrar máis de 2.000 inscritos para unha quincena de cursos.
CONTACTOS COS AXENTES SOCIAIS, E COLABORACIÓN PÚBLICO-PRIVADA
Por último, o delegado territorial en Lugo afirmou que dende a Consellería de Cultura e Turismo mantivéronse contactos cos diversos axentes sectoriais, para recoller necesidades e propostas. Ademais, anunciaron que o plan porase en coñecemento doutras administración, para que poidan enriquecelo con novas aportacións. Balseiro tamén apuntou á importancia dunha “intensa” colaboración público-privada “para traballar no día despois”, e avanzar así en medidas a “curto, medio e longo prazo”.
Aínda que este plan de reactivación estará dotados de fondos autonómicos, dende a Xunta afirmaron que deberá ir acompañado dun plan nacional, como xa o solicitaron os responsables autonómicos galegos ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.