A petición do Concello de Quiroga, o delegado territorial mantivo unha videoconferencia cos empresarios da hostalería e do comercio
Continúan os contactos da Xunta cos representantes dos diferentes sectores económicos da provincia, para marcar os pasos cara a volta da actividade. A finais de abril, o delegado autonómico en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo unha xuntanza por videoconferencia con empresarios da hostalería e do pequeno comercio de Quiroga.
XUNTANZA ORGANIZADA A PETICIÓN DO CONCELLO DE QUIROGA
No encontro, organizado a petición do Concello de Quiroga, Balseiro atendeu as súas inquedanzas, e adiantou os aspectos xerais do plan de reactivación económica que a Xunta prepara para o turismo, así como as diversas liñas de apoio que o Executivo autónomico ten en marcha para aliviar a crise do sector polo peche do estado de alarma.
Así mesmo, Balseiro lembrou o “compromiso” do Goberno autonómico co comercio de proximidade, e salientou que se está a traballar conxuntamente na elaboración de propostas que estimulen ao consumidor para acudir ao pequeno comercio, recuperando a súa confianza e dando pulo ao sector. O delegado en Lugo explicou que xa se adheriron a esta iniciativa Abanca, Caixa Rural e Banco Sabadell, e lembrou que para beneficiarse desta medida só hai que solicitala a través da propia empresa acollida ao ERTE.
A xuntanza tamén serviu para recordar as canles de comunicación que o Goberno galego ten a disposición dos pequenos empresarios e autónomos, para resolver as súas dúbidas e darlles apoio durante a crise do coronavirus. Con esta finalidade, está aberto o teléfono gratuíto da Liña Empresas 900 815 600, a web https://ceei.xunta.gal/coronavirus, e a aplicación para móbiles Gohu.
Unha das medidas que ten en marcha a Xunta é o anticipo da prestación por ERTE para os afectados que aínda non cobraran do Estado, para que poidan recibir de forma inmediata un anticipo de 1.500 euros, cun tope mensual de 750.