O organismo provincial ofrece de balde a aplicación “Mide a túa saída”, recomendada sobre todo para móbiles e tabletas
Para cumprir a normativa da desescalada e desfrutar dos paseos na desescalada, a Deputación de Lugo deseñou unha aplicación que mide a distancia que cada cidadán pode completar durante a saída, segundo os parámetros oficiais para cada colectivo. A aplicación “Mide a túa saída” calcula o límite exacto á que pode chegar cada persoa dende o seu domicilio, tendo en conta os permisos establecidos polas autoridades. A app está dispoñible no enlace (https://mideatuasaida.deputacionlugo.org/).
CALCULA O PERÍMETRO PERMITIDO PARTINDO DO DOMICILIO DO USUARIO
Segundo explicaron os responsables provinciais, a aplicación funciona en calquer dispositivo electrónico, aínda que se recomenda utilizala en teléfonos móbiles e tabletas, para poder tela á man en todo momento. Esta ferramenta, moi sinxela e intuitiva, só esixe activar a ubicación do dispositivo e dar permiso á web para que acceda a esta información. Os responsables provinciais destacaron que non é preciso descargar nada, xa que funciona por Google Maps, polo que non ocupa espazo nos nosos teléfonos.
O sistema considera como punto de partida para as medicións o domicilio do usuario e, partindo deste dato, calcula un perímetro en cor vermella, que será de 1 quilómetro ou de ata 5 quilómetros segundo a actividade elixida (saída con nenos, paseo de adultos, ou coidado da horta).
CONSTANTE ACTUALIZACIÓN PARA ADAPTARSE ÁS FASES DA DESESCALADA
No caso de ter que cambiar o punto de partida, pode modificarse a través da opción “Nova saída”, recalculando así o perímetro. Esta opción permite ademais que a app se actualice constantemente, en función dos cambios que introduzan as autoridades para regular a desescalada.
PABLO RIVERA: “FACILITARLLE Á XENTE A DESESCALADA A GOLPE DE CLICK”
A aplicación foi elaborada polo Servizo de Novas Tecnoloxías, dependente da área de Promoción Económica e Social. O deputado responsable desta área, Pablo Rivera, afirmou na estrea desta ferramenta que “o que se pretende é facilitarlle á xente o proceso da desescalada e que poida saber a golpe de click ata que punto máximo se pode mover”. Rivera destacou a importancia das novas tecnoloxías de xeoposicionamento dos teléfonos intelixentes para ofrecer “unha información realmente moi útil para todas as persoas”.