O balance fai referencia ás actuación autonómicas en centros residenciais e de saúde das comarcas de Lemos, Quiroga e Chantada

Co inicio da desescalada, a Xunta fixo balance das diversas actuacións realizadas en materia de desinfección de espazos comunitarios durante o confinamento. Segundo informou o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o dispositivo posto en marcha polo Executivo autonómico acadou un total de 110 actuacións nas comarcas de Lemos, Quiroga e Chantada. No conxunto dos seus doce concellos, o Executivo galego actuou na contorna dos centros de saúde, e nas instalacións comunitarias como residencias de maiores ou de persoas con discapacidade. Balseiro explicou que o obxectivo destas accións foi protexer ás persoas en situación de maior vulnerabilidade fronte a un posible contaxio polo coronavirus.
“GRAN LABOR” DOS MEMBROS DAS BRIGADAS FORESTAIS “PARA AXUDA Á CONTENCIÓN DO VIRUS NOS CONCELLOS PEQUENOS”
Balseiro reservou unhas palabras para recoñecer “o gran labor” que, ao longo destas seis semanas, desenvolveron os membros do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural. O delegado autonómico na provincia resaltou o papel deste operativo ao realizar “un traballo fundamental para axudar á contención do virus nos concellos de menor poboación”.
O representante da Xunta na provincia de Lugo fixo estas declaración durante a videoconferencia que mantivo o luns 4 de maio cos xefes de brigadas dos distritos da Terra Chá, Lugo-Sarria, A Mariña, Fonsagrada-Ancares e Terra de Lemos, ao tempo que lles amosou o seu agradecemento por esta tarefa voluntaria.
PERFÍS DIVERSOS PARA ESTAS TAREFAS VOLUNTARIAS
Balseiro explicou que estes traballadores realizaron de xeito voluntario o seu traballo de limpeza e desinfección en espazos comunitarios, pero tamén en puntos de depósito de lixo ou beirarrúas, en concellos de menos de 5.000 habitantes. Os traballos de desinfección leváronse a cabo todos os días, incluíndo fins de semana e festivos, dentro das súas quendas de traballo, sen prexuízo do correcto desenvolvemento da súa tarefa ordinaria de prevención e extinción dos incendios forestais.
O dispositivo contou coa participación voluntaria de case un cento de traballadores na provincia de Lugo, entre os que houbo axentes e peóns forestais, bombeiros forestais, condutores de motobombas ou integrantes das brigadas helitransportadas, entre outros perfís profesionais.