A recollida e reparto, a cargo de axentes medioambientais voluntarios, dará facilidades aos estudantes para seguir o curso
A emerxencia sanitaria provocou a saída precipitada das aulas, o que provocou que moitos escolares abandonaran parte do seu material de estudo nos colexios. Para recuperalos e poder dar continuidade ao curso dende a casa, a Xunta vén de acordar cos centros un operativo de recollida e entrega a domicilio deste tipo de materiais.
Na provincia de Lugo, o Posto de Mando Avanzado constituído para centralizar a xestión da pandemia colaborará coa dirección dos centros escolares lucenses para que axentes medioambientais voluntarios poidan recoller os libros e cadernos que quedaron nas aulas e entregalos aos seus donos a domicilio.
AS FAMILIAS INTERESADAS DEBERÁN SOLICITALO AO SEU COLEXIO
Para isto, será preciso que as familias contacten cos seus centros educativos, e o equipo directivo encargarase de xestionar a recollida e o reparto. O servizo estará operativo en toda a provincia agás o núcleo urbano do Concello de Lugo, polas facilidades que a súa disposición ofrece para realizar a recollida en persoa. Dende a Delegación Territorial, encargada do Posto de Mando Avanzado, explicaron que algúns colexios lucenses xa completaron esta tarefa pola súa conta, ou ben coa colaboración de persoal municipal ou de emerxencias.