Tamén se incorporarán outros 10,2 millóns para completar o Plan Único 2020

O Orzamento da Deputación de Lugo para o ano en curso disporá de 3,3 millóns de euros de remanentes para reforzar a colaboración cos concellos e co tecido asociativo. No anuncio desta medida, o presidente do organismo provincial, José Tomé, insistiu na oportunidade de incrementar os fondos para os municipios e as asociacións “no contexto de crise que vivimos provocada pola pandemia da Covid-19”, e dado que a función sustancial da Deputación é “apoiar aos concellos e ao tecido social e económico”.
Ademais desta cantidade, o Goberno provincial vai incorporar máis de 10,2 millóns de euros ao Orzamento deste ano, con cargo a remanentes, para completar os 21,3 millóns previstos para a dotación do Plan Único. Este plan está deseñado, segundo lembraron os responsables provinciais, para distribuír os fondos provinciais entre os 67 concellos con criterios públicos e obxectivos.
O Pleno convocado para o 26 de maio debaterá para a súa aprobación esta proposta de modificación do Orzamento vía suplemento de crédito, nunha convocatoria que será telemática por mor do estado de alarma.
Dende a Deputación informaron que o Pleno tamén debaterá sobre a proposta de conxelar o uso de remanentes por importe de 3,7 millóns de euros, para avanzar no cumprimento do Plan Económico Financieiro 2019-2020. O organismo provincial está aplicando este Plan por ter superado no exercicio 2018 a regra de gasto, debido ao crédito suscrito no pasado mandato para acometer o Plan Especial de Rehabilitación de Firmes. A proposta que irá ao Pleno do día 26 está baseada en informes do servizo de Intervención do organismo provincial.