Monforte abriu as pistas de atletismo con cita previa e franxas horarias

Hai que reservar por internet ou app oito horas antes do uso, para praticar deporte en dúas quendas de mañá e dúas de tarde

Desinfección das pistas de atletismo de Monforte, a cargo de persoal municipal, o pasado 24 de mayo. GPCM

A entrada na “nova normalidade” vai implicar cambios na prática deportiva, polo menos nos vindeiros días. As pistas de Monforte están abertas dende o luns 25 de maio, coincidindo co paso de Galicia á fase 2 da desescalada. Para garantir a seguridade dos usuarios, o Concello estableceu varias medidas de control de acceso e normas hixiénicas.

RESERVAR NA WEB DO CONCELLO OU NA APP SPORTTIA

Antes da apertura, persoal municipal procedeu á desinfección das instalacións da Pinguela, que poderán empregarse por ata un máximo de 20 persoas por quenda. Os usuarios deberán formalizar a cita previa como mínimo 8 horas antes do acceso ás pistas, e a través de tres vías. Na web do Concello de Monforte, pódese facer a reserva no enlace habilitado na sección “Deportes/Instalacións”, ou accedendo directamente ao enderezo https://www.sporttia.com/?g=551238. Tamén se pode descargar a aplicación SPORTTIA para dispositivos móbiles, e tramitar a reserva por esta canle.

HORARIO DAS QUENDAS

En canto ao horario, as pistas abren de luns a venres non festivos, con dúas quendas de mañá e outras dúas de tarde, cunha hora de duración por quenda.  Pola mañá, a primeira quenda será de 9 a 10, con entrada permitida ata quince minutos antes destas horas. A segunda quenda matutina establécese de 10:15 a 11:15, permitíndose a entrada ata quince minutos antes. Pola tarde, hai dúas quendas, de 19 a 20 horas, e de 20:15 a 21:15, con entrada aberta ata quince minutos antes. As reservas de menores de 14 anos deberán realizalas os pais, nais ou titores.

IDENTIFICACIÓN OBRIGATORIA NO ACCESO

As medidas de redución de aforo establecen que os 20 usuarios permitidos por quenda deberán entrar sós, sen adestradores nen acompañantes. Ademais, só se permite a prática deportiva individual ou ata un máximo de dúas persoas, sen contacto físico e mantendo a distancia de seguridade de 2 metros. O acceso está controlado, polo que os usuarios deberán amosar o seu DNI para acceder ás instalacións, e os menores de 14 anos tamén presentarán o DNI e a autorización do adulto que formalizou a reserva.

MEDIDAS DE SEGURIDADE NAS INSTALACIÓNS

En canto ao uso das instalacións, o Concello delimitou entradas e saídas de dirección única para evitar aglomeracións. Non está permitido usar os baños nin os vestiarios, polo que os usuarios deberán traer a equipación deportiva da casa. Nas pistas, a prática deportiva está limitada ás rúas 1, 3 e 5, e os deportistas que empreguen a mesma rúa deberán manter unha separación de 10 metros entre si.

O Concello comprometeuse a desinfectar periodicamente as instalacións, e a ofrecer aos usuarios dispensadores de xel hidroalcohólico.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Galicia rexistra soamente 10 novos contaxios por coronavirus, o menor incremento diario durante a pandemia

Seguinte Nova

Sober e Pantón recuperan a actividade das oficinas de Turismo

Últimas noticias sobre DEPORTES

     
A %d blogueros les gusta esto: