O dispositivo funciona con auga ozonizada
O Goberno local do Saviñao vén de incorporar un novo elemento de protección para evitar contaxios pola COVID-19. A finais de maio, quedou instalado e funcionando un túnel de desinfección á entrada da Casa Consistorial de Escairón. Este sistema emprega a auga ozonizada para eliminar o coronavirus de calquer superficie.
O TÚNEL COMPLEMENTA ÁS MAMPARAS, DISPENSADORES DE XEL E EQUIPOS CON FILTRO PURIFICADOR QUE XA ESTABAN EN USO
Con este xesto, o Goberno local quere garantir a seguridade dos traballadores municipais e dos veciños que acoden ao Concello a facer xestións. “Estamos a facer un esforzo importante na protección da nosa xente. Cremos que non pode ser doutro xeito, debido á situación que hai”, precisou o alcalde, Carlos Armesto. O Concello xa incorporara outros elementos de hixiene e protección, como dispensadores de xel hidroalcohólico, mamparas nos espazos de atención ao público, e máquinas con filtro purificador. A estas unidades hai que engadir outros oito equipos de desinfección que o Goberno local repartiu nos edificios públicos. Armesto destacou que estes equipos son punteiros, pola súa capacidade para desinfectar 600 metros cúbicos por hora.