A Xunta financia a posta en marcha destes tres servizos, máis a consolidación doutras tres

A zona do Courel contará cun novo servizo de atención temperá que permitirá detectar a tempo diversos trastornos do desenvolvemento dos cativos entre 0 e 6 anos. A Consellería de Política Social vén de aprobar unha axuda para financiar este proxecto, solicitado de forma conxunta polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. A axuda autonómica para esta iniciativa ascende aos 12.296 euros.
23 CONCELLOS LUCENSES CONTARÁN CON ESTE SERVIZO
Esta unidade, que estará integrada por un equipo de profesionais en desenvolvemento infantil e atención temperá, forma parte da quenda de tres novos servizos que se estrearán na provincia de Lugo, con apoio de Política Social. O Executivo galego tamén aprobou axudas para a consolidación doutras tres unidades deste tipo, que dan servizo a varias agrupacións de concellos lucenses, unha delas formada por Antas de Ulla, Monterroso e Portomarín. En total, beneficiaranse destes servizos 23 concellos lucenses.
IDENTIFICAR OS TRASTORNOS NOS CATIVOS ATA OS 6 ANOS, PARA APLICAR UN TRATAMENTO PRECOZ AXEITADO A CADA CASO
Segundo explicaron dende a Consellería, as unidades de atención temperá permiten previr e identificar trastornos do desenvolvemento en nenos e nenas dende 0 ata 6 anos, o que fai posible aplicar a tempo o tratamento axeitado para cada caso. Con este obxectivo, cada unidade está integrada por un mínimo de tres profesionais, expertos en disciplinas como medicina, logopedia, pedagoxía, psicopedagoxía, traballo social, educación social, maxisterio, enfermaría, fisioterapia, ou terapia ocupacional.