Xa se pode facer a inscrición nesta iniciativa, organizada pola Deputación de Lugo, que comezará o 15 de xuño
As novas fases da volta á actividade comercial e hostaleira implicarán cambios nos negocios, co fin de adaptarse á normativa sanitaria e evitar contaxios do Covid-19. Para axudar aos profesionais, a Deputación de Lugo vén de organizar un curso on line, que lles facilitará a aplicación das medidas de prevención e hixiénico-sanitarias, ao tempo que reducen as molestias para o consumidor, mellorando a súa experiencia.
A MARCA “EN LUGO, SI” IMPULSA A PROVINCIA COMO LUGAR SEGURO E DE CONFIANZA PARA CONSUMIDORES E EMPRENDEDORES
Segundo explicaron os responsables provinciais, o curso está incluído na campaña “En Lugo, Si”, que a Deputación ten en marcha para favorecer a reactivación do sector turístico, comercial e hostaleiro dunha maneira “estable e eficaz” ante a crise provocada pola pandemia do Covid-19. A marca “En Lugo, Si” recolle, en palabras dos seus promotores, as fortalezas da provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, para pasar as vacacións, pero tamén para emprender.
A campaña tamén contempla accións de divulgación entre a cidadanía e consumidores, para que coñezan todo o potencial lúdico e económico da provincia, contribuíndo a reactivar a súa economía.
ACREDITACIÓN COMO ESTABLECEMENTO SEGURO
O curso, cunha duración de 20 horas, ofrece 300 prazas para negocios situados en concellos lucenses de menos de 20.000 habitantes. Polo tanto, a iniciativa está aberta a todos os municipios da provincia agás Lugo, porque este xa dispón dun programa propio. Os profesionais que completen o curso recibirán un diploma, co que se acredita que dispoñen desta formación específica en medidas hixiénico-sanitarias, e que, polo tanto, os seus negocios son establecementos seguros.
ABERTO O PRAZO PARA A INSCRICIÓN ON LINE
A primeira sesión do curso terá lugar o 15 de xuño. Ata as doce da noite do día 14 está aberto o prazo de inscrición, a través da páxina web https://noainnova.com/curso-en-lugo-si/. Dende a Deputación animaron ás persoas interesadas a apuntarse canto antes, porque as prazas se concederán por rigoroso orde de inscrición.