Hosteleiros e comerciantes lucenses aprenderán cun curso a reactivar os seus negocios na nova normalidade

Xa se pode facer a inscrición nesta iniciativa, organizada pola Deputación de Lugo, que comezará o 15 de xuño

O comercio, a hostelería e o turismo han de saber adaptarse á nova realidade imposta pola alerta sanitaria do Covid-19. (Foto: Pixabay)

As novas fases da volta á actividade comercial e hostaleira implicarán cambios nos negocios, co fin de adaptarse á normativa sanitaria e evitar contaxios do Covid-19. Para axudar aos profesionais, a Deputación de Lugo vén de organizar un curso on line, que lles facilitará a aplicación das medidas de prevención e hixiénico-sanitarias, ao tempo que reducen as molestias para o consumidor, mellorando a súa experiencia.

A MARCA “EN LUGO, SI” IMPULSA A PROVINCIA COMO LUGAR SEGURO E DE CONFIANZA PARA CONSUMIDORES E EMPRENDEDORES

Segundo explicaron os responsables provinciais, o curso está incluído na campaña “En Lugo, Si”, que a Deputación ten en marcha para favorecer a reactivación do sector turístico, comercial e hostaleiro dunha maneira “estable e eficaz” ante a crise provocada pola pandemia do Covid-19. A marca “En Lugo, Si” recolle, en palabras dos seus promotores, as fortalezas da provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, para pasar as vacacións, pero tamén para emprender.

A campaña tamén contempla accións de divulgación entre a cidadanía e consumidores, para que coñezan todo o potencial lúdico e económico da provincia, contribuíndo a reactivar a súa economía.

ACREDITACIÓN COMO ESTABLECEMENTO SEGURO

O curso, cunha duración de 20 horas, ofrece 300 prazas para negocios situados en concellos lucenses de menos de 20.000 habitantes. Polo tanto, a iniciativa está aberta a todos os municipios da provincia agás Lugo, porque este xa dispón dun programa propio. Os profesionais que completen o curso recibirán un diploma, co que se acredita que dispoñen desta formación específica en medidas hixiénico-sanitarias, e que, polo tanto, os seus negocios son establecementos seguros.

ABERTO O PRAZO PARA A INSCRICIÓN ON LINE

A primeira sesión do curso terá lugar o 15 de xuño. Ata as doce da noite do día 14 está aberto o prazo de inscrición, a través da páxina web https://noainnova.com/curso-en-lugo-si/. Dende a Deputación animaron ás persoas interesadas a apuntarse canto antes, porque as prazas se concederán por rigoroso orde de inscrición.  

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Información do coronavirus no mundo en tempo real

Seguinte Nova

Comezan os traballos de desbroce nas estradas provinciais

Últimas noticias sobre EDUCACIÓN

A %d blogueros les gusta esto: