O alcalde anunciou un concurso de ideas co único requisito de inspirarse na ponte de ferro que afundiu nos anos 50

A promesa electoral de Tomé para que Monforte teña unha nova ponte está máis preto de ser unha realidade. Ata o 16 de xuño, está aberto o concurso de ideas para o deseño da que será a nova ponte do Malecón, que unirá o vial desta zona coa rúa Corredoira, liberando así á ponte medieval do tráfico rodado. Ademais da súa funcionalidade, o alcalde destacou a intención paisaxística desta nova infraestrutura, que deberá rescatar a estética da antiga ponte de ferro que tivo Monforte sobre o Cabe ata os anos 50 do século pasado.
“RECUPERAR A HISTORIA DE MONFORTE”, CUNHA OBRA QUE SE INTEGRE NA CIDADE “PARA SEMPRE”
No anuncio da apertura do prazo para o concurso de ideas, Tomé insistiu na idea de que “Monforte recupere a súa historia” cunha infraestrutura deste tipo, similar á que unía as dúas beiras do Cabe pola actual Avenida de Galicia, hoxe substituída pola coñecida como Ponte Nova. “Proxectos coma este marcan a historia das cidades, porque pasan a formar parte da súa estrutura urbana para sempre”, salientou. Por este motivo, é requisito imprescindible para participar no concurso de ideas que os proxectos teñan como referencia básica a antiga ponte de ferro, construida a comezos do século XX e que afundiu a causa dunha enchente nos anos 1950.
O GAÑADOR CONSEGUIRÁ A REDACCIÓN DO PROXECTO E A DIRECCIÓN DA OBRA
O concurso non terá premio en metálico, senón que os promotores da idea gañadora levarán a redacción do proxecto construtivo e a dirección da obra. A selección da mellor idea estará a cargo dun xurado presidido polo alcalde de Monforte, e integrado polo secretario municipal, dous enxeñeiros designados pola Universidade, dous enxeñeiros designados polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, e dous enxeñeiros da Deputación de Lugo. As características da convocatoria poden consultarse na páxina web do Concello de Monforte, e na Plataforma de Contratos do Estado do Ministerio de Hacienda. O prazo de presentación de ideas remata o 16 de xuño ás 14 horas.
NOVO VIAL PARA O TRÁFICO ENTRE O MALECÓN E O HOSPITAL, E CONVERSIÓN EN PEONIL DA PONTE VELLA
O resultado desta nova ponte será a comunicación viaria e peonil do Malecón coa rúa Santa Clara a través da rúa Corredoira, no espazo no que agora está a pasarela de madeira, e dar saída así ao tráfico ata o Hospital Comarcal. A nova ponte de ferro contará cun carril de circulación para cada sentido, e beirarrúas de dous metros e medio cada unha. Con esta solución, a ponte medieval, coñecida como Ponte Vella, adicaríase unicamente ao paso de peóns, contribuíndo á súa conservación patrimonial, e gañando un espazo de lecer e contemplación do río para veciños e visitantes.