A Deputación proporá un catálogo de espectáculos a concellos e asociación para dar pulo ás compañías lucenses

A iniciativa conta co apoio dos profesionais do teatro, e estaría en marcha a mediados de xullo

A vicepresidenta da Deputación e Área de Cultura, Maite Ferreiro, durante a xuntanza telemática cos representantes de sete compañías de teatro lucenses, o 2 de xuño. GPVDL

A Área de Cultura da Deputación, dependente da Vicepresidencia, vén de propoñer a creación dun catálogo de espectáculos teatrais para que as compañías lucenses recuperen a actividade, logo do parón pola crise sanitaria. A idea planteouna a vicepresidenta da Deputación e responsable de Cultura, Maite Ferreiro, aos responsables de sete compañías de teatro da provincia, nunha xuntanza telemática. A proposta acadou o visto bo dos profesionais, coa intención de recuperar o espíritu da programación Proscenio. Na xuntanza, estiveron presentes responsables de Palimoco Teatro, Trécola Teatro, Itaca Teatro, Mircromina Títeres, Lila Teatro, Titireterra e Pinconús Teatro.

CULTURA FINANCIA O 100% DO ESPECTÁCULO, QUE SERÁ A CUSTE CERO PARA CONCELLOS E ASOCIACIÓNS

Ferreiro precisou que o catálogo incluiría un espectáculo por cada compañía, e o conxunto deles ofreceríase a concellos e asociacións da provincia para que escolleran os máis axeitados ás súas programacións culturais. A Área de Cultura asumirá o custe íntegro dos espectáculos, que se valorarán en función do caché de cada compañía. En anteriores edicións, o custe compartíase con concellos e asociacións, que debían asumir a metade do caché. A Vicepresidencia destina un orzamento de 50.000 euros co fin de que “todas as compañías conten con algunha actuación”.

IMPULSO CULTURAL AOS CONCELLOS, E APOIO AOS PROFESIONAIS DA CULTURA

A vicepresidenta da Deputación apuntou que xa traballan na tramitación deste procedemento, co fin de “completalo no menor tempo posible, de xeito que as compañías poidan facer as primeiras representacións a mediados de xullo”. Maite Ferreiro salientou que se trata de axudar aos concellos a que retomen a súa actividade cultural, “e apoiar aos traballadores e traballadoras da cultura, un dos sectores máis prexudicados pola crise sanitaria”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Novo lote de 75.000 mascarillas para os empadroados en Monforte

Seguinte Nova

Novo impulso á protección do románico de Pantón

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: