Logo de que a Xunta rematara a restauración do templo, cun investimento de case 130.000 euros
A igrexa de Santa Cruz do Incio comezou o seu camiño para ser declarada Ben de Interese Cultural. O Diario Oficial de Galicia do 2 de xuño recolle a resolución pola que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural inicia o procedemento para esta declaración. O anuncio coincide co remate, hai poucos meses, das obras de restauración do templo, que a Xunta financiou con preto de 130.000 euros.
EDIFICIO CON “EXCEPCIONAIS VALORES ARQUITECTÓNICOS E CULTURAIS”
No documento, destácanse “os excepcionais valores arquitectónicos e culturais” deste edificio, “dunha intensidade infrecuente no conxunto do patrimonio moderno de Galicia”. A igrexa de Santa Cruz do Incio foi proxectada en 1960 polo arquitecto José Luis Fernández del Amo, que tamén deseñou varias pezas mobles do interior, no que se localizan outras creacións asinadas por artistas locais como o escultor José Luis Sánchez Fernández e o pintor José Luis Gómez Perales.
Dende o Concello do Incio, o alcalde, Héctor Corujo, agradeceu á Xunta “esta boa nova”, logo de ter completado os traballos de rehabilitación deste conxunto monumental.