Cultura licita por 270.000 euros a restauración da igrexa de Pombeiro
Continúan as actuacións institucionais para a conservación do patrimonio artístico da Ribeira Sacra. A Consellería de Cultura vén de licitar, por importe de 270.000 euros, as obras de restauración da igrexa de San Vicente de Pombeiro, templo de finais do século XII que conta coa consideración de Ben de Interese Cultural de Galicia. As obras estarán completadas nun prazo máximo de seis meses.
CONTROL DAS HUMIDADES E MELLORA DO EXTERIOR
Segundo informaron dende Cultura, as actuacións van dirixidas a reducir as humidades e mellorar as condicións do interior e do exterior. Con este fin, substituirase a actual cuberta, eliminaranse as humidades nas bases dos muros, e se realizarán melloras na carpintería das ventás para optimizar a ventilación. No exterior, procederase a renovar os rexuntados das fachadas, ademais de reordenar o espazo da sacristía cambiando a porta de entrada e peche. Tamén se renovará o pavimento do adro para facilitar o acceso ao templo.